A Cañiza renova os vestiarios do pavillón municipal cos recursos do Plan Concellos da Deputación

As actuacións realizadas na instalación deportiva, costeadas con dúas achegas do plan provincial, suman preto de 110.000 euros

28/02/2023

A Cañiza vén de completar a renovación dos vestiarios do seu Pavillón Municipal da man da Deputación trala inauguración da segunda fase destes traballos que, ao igual que a primeira, executada no 2021, foi financiada cunha achega do Plan Concellos. En total, a institución provincial investiu nestes traballos, que veñen de ser inaugurados polo deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, e o alcalde, Luis Antonio Gómez Piña, preto de 110.000 euros para dotar dunhas instalacións dignas a este equipamento, tal e como demandaba a veciñanza. No acto estiveron representantes e xogadoras do Club Balonmán A Cañiza, cuxo equipo feminino sénior xoga na División de Honor Prata e o masculino en Primeira División Nacional.

A actuación consistiu na rehabilitación dos vestiarios, a fin de mellorar as condicións de salubridade e ventilación destes equipamentos, que apenas sufriran modificacións desde a apertura do pavillón no ano 1983 e presentaban desperfectos acumulados ao longo do tempo. Incluíronse entre outras actuacións a renovación das instalacións de electricidade e fontanería, coa instalación de novos aparatos sanitarios, así como a execución de novos revestimentos nas paredes da zona de duchas e o seu pintado con materiais resistentes á humidade.

As obras completáronse coa dotación dun novo pavimento anti escorregadizo no chan, coa substitución do falso teito de madeira por un de aluminio e con outras intervencións nas zonas de duchas, encamiñadas a garantir a seguridade e ao aforro de auga. 

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.