A Deputación inviste 770.000 euros na mellora de dúas estradas provinciais en Vilanova e O Grove

A institución provincial adxudicou as obras que permitirán crear novas sendas peonís na EP-9702 As Sinas-Vilanova e na EP-9101 O Grove-Igrexa de San Vicente

09/12/2022

A Xunta de Goberno da Deputación vén de adxudicar dúas novas obras en estradas provinciais nos concellos do Grove e Vilanova ao abeiro do seu modelo de mobilidade amable “que permite gañar espazo para as persoas”, como destacou a presidenta Carmela Silva, e nas que investirá un orzamento total de 769.117€. En concreto, contrátanse as obras de mellora da seguridade viaria na EP-9101 O Grove-Igrexa de San Vicente, no concello do Grove, por 511.779€, e os traballos de mellora da mobilidade peonil na EP-9702 As Sinas-Vilanova, en Vilanova de Arousa, cun presuposto de 257.338€. En ambos casos, a Deputación financiará ao 100% as obras, xa que a aportación municipal para estes traballos correspondente por convenio será sufragada con fondos do Plan Concellos 2022-23.

No Grove, as obras na EP9101, que teñen un prazo de execución de seis meses,  levaranse a cabo nun treito de 1.500 metros, do pq. 1+000 ao pq. 2+550, onde se creará unha senda peonil de 2,50 metros de ancho mínimo para garantir a accesibilidade. Ademais colocarase un bordo de separación entre a beiravía e a nova senda peonil.

As actuacións tamén comprenden a construción dun muro de 100 metros para a contención de terras nunha das zonas con maior desnivel, así como a reconstrución de tres pequenos treitos de muro de contención en zonas de desmonte. A seguridade complétase coa dotación de tres pasos de peóns sobreelevados e a renovación completa da sinalización para remarcar a preferencia peonil, e instalarase unha nova drenaxe de augas pluviais e sumidoiros. Amais, ao longo da senda, executarase a canalización do alumeado público.

Por outra banda, na EP9702 en Vilanova a actuación central consiste na construción dunha senda peonil na marxe dereita da estrada de 810 m, entre o punto quilométrico 1+415, despois de pasar a zona recreativa das Sinas, e o 2+225, á altura do aparcadoiro da praia. Terá unha anchura mínima de 2,5 metros e permitirá garantir as condicións de seguridade das persoas que transitan pola zona de acceso á praia.

Os traballos, cun prazo de catro meses, contemplan así mesmo a construción dun paso de peóns elevado adicional e a dotación dunha nova sinalización vertical e horizontal. Amais, na marxe esquerda conectaranse servizos como a rede de drenaxe de pluviais e prolongarase a nova rede de drenaxe mediante un colector. Acometerase tamén o fresado e repavimentación do firme e, unha vez rematadas as obras, reducirase o límite de velocidade a 30 qm/h.

Logos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.