A Deputación de Pontevedra aproba destinar 625.000 euros para preto de 500 clubs deportivos da provincia que participan en competicións federadas de ámbito inferior a estatal

575.000 euros destínanse a 480 clubs de diferentes modalidades deportivas que participan en competicións federadas de ámbito inferior a estatal. Outros 50.000 van dirixidos ao 9 equipos de fútbol que compiten na categoría Preferente Galicia Grupo Sur

14/10/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 625.000 euros para preto de 500 clubs deportivos da provincia que participan en competicións federadas de ámbito inferior a estatal. Os recursos distribúense en 575.000 euros que van dirixidos a 480 clubs de diferentes modalidades deportivas que participan nestas competicións e outros 50.000 para 9 equipos de fútbol que compiten na categoría Preferente Galicia Grupo Sur.

Os 575.000 euros van dirixidos a 480 clubs deportivos de 54 concellos. As entidades beneficiarias abranguen dende clubs de fútbol, balonmán ou baloncesto, ata clubs ciclistas ou de motociclismo, de pesca deportiva, esgrima, bádminton, rugby, xadrez, ximnasia rítmica, atletismo, tenis e tenis de mesa, natación, hípica, patinaxe, baile deportivo, padel, squash, montañismo, karate, kung fu, loita, judo, taekwondo, caza, bolos, petanca, halterofilia, boxeo, hockey, pesca submarina, esquí náutico, e un longo etcétera. Os 480 clubs das distintas modalidades deportivas que participan en competicións federadas de ámbito inferior a estatal recibirán entre 2.500 euros de contía máxima e 250 euros de mínima, xa que as axudas concedidas, segundo as bases da convocatoria, non poden superar o 40% do orzamento presentado coa solicitude.

No caso dos clubs de fútbol que compiten na categoría Preferente Galicia Grupo Sur trátanse de tres entidades do Porriño (Porriño Industrial FC, Club Deportivo Pontellas e Asociación Cultural Deportiva Atios), dúas de Ponteareas (Club Cultural de Areas, Sociedad Deportiva Juvenil de Puentereas), unha de Bueu (Club Cultural Deportivo Beluso), outra de Cambados (Club Juventud Cambados), outra de Moraña (Moraña Club de Fútbol) e outra de Vigo (Club Deportivo Valladares de Vigo).  Os 9 clubs recibirán contías que oscilan entre os 5.000 e os 4.150 euros.