A Deputación destina case 260.000 euros ao convenio de mellora da mobilidade peonil na ep-4006, que conecta Ponteareas coas Neves
Os traballos, financiados integramente pola institución provincial, realizaranse nun treito de 480 metros nos que se dará prioridade ao tráfico peonil coa construción dunha senda de 2,5 metros de ancho e onde tamén se ordenará o tráfico rodado
16/10/2022
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio de colaboración co Concello das Neves para a mellora da mobilidade peonil na EP-4006, que conecta a este municipio con Ponteareas. As obras teñen un orzamento de 258.395 euros que serán financiados pola institución provincial de xeito integro, xa que mediante este convenio a Deputación asume o 80% do orzamento mentres que o outro 20% será sufragado polas Neves a través do Plan Concellos. Deste xeito, a Deputación continúa a espallar o seu modelo de mobilidade amable, sostible e segura por toda a provincia.
Máis polo miúdo, as actuacións levaranse a cabo nun tramo de 480 metros situados no Concello das Neves e comprendido entre a rotonda que comunica a EP-4006 coa EP-4002 e o IES Pazo da Mercé. Ademais da execución dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho, as obras comprenden o incremento do espazo ocupado polas beirarrúas, a ordenación do tráfico rodado e o calmado da velocidade mediante un novo paso de peóns sobreelevado. Así mesmo, incrementarase o ancho da beirarrúa da marxe esquerda e mellorarase a seguridade viaria mediante unha reordenación dos carrís e das zonas de estacionamento.
A maiores o proxecto contempla a execución dunha nova rede de pluviais, a canalización de alumeado público, a mellora do mobiliario urbano e a plantación de 30 árbores de sombra. As obras comprenden tamén a sinalización completa no tramo de actuación.