Luis López confirma que a Deputación entregará o 21 de novembro os I Premios Boas Prácticas en Igualdade a entidades de Vigo, Cangas, Moaña, Poio, A Cañiza, Bueu e A Lama
O presidente provincial anunciou que os galardóns, dotados con 16.000 euros, 4.000 por cada unha das catro modalidades, entregaranse nun acto que se celebrará no Pazo provincial no que tamén se outorgarán as distincións honoríficas
31/10/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, desvelou hoxe en conferencia de prensa as entidades gañadoras dos primeiros premios de Boas Prácticas en Igualdade, que recoñecerán o labor de entidades de Vigo, Cangas, Moaña, Poio, A Cañiza, Bueu e A Lama. “Trátase dunha iniciativa que responde ao noso firme compromiso coa igualdade e coa que queremos distinguir a persoas e entidades que realizan ou realizaron actividades e prácticas eficaces relevantes para conseguir a igualdade real” asegurou Luis López quen adiantou tamén que os premios se entregarán nun acto que terá lugar o xoves 21 de novembro, ás 19:00 horas, no Pazo provincial de Pontevedra.
En total recibíronse preto de 60 candidaturas para as catro modalidades de premios, o que demostra “que temos unha provincia moi comprometida coa igualdade, que está a desenvolver iniciativas moi interesantes para conseguir unha Pontevedra mellor”, asegurou o presidente provincial. Cada unha destas catro modalidades está dotada con 4.000 euros, 3.000 para os premios e 1.000 para os accésits.
Deste xeito, na modalidade de boas prácticas en materia de igualdade en entidades de iniciativa social, o primeiro premio recae na Asociación Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo e a Asociación de diagnosticados de Cancro de Mama recibirá un accésit; na modalidade de iniciativa cultural en materia de igualdade, o premio vai para a Asociación Cultural entre Bambalinas de Moaña; na modalidade de iniciativa deportiva en materia de igualdade, o primeiro premio é para o Club Poio Fútbol Sala e o Club Balonmán Cañiza recibe un accésit, e na modalidade de iniciativa educativa en materia de igualdade o primeiro premio é para o IES Illa de Ons e o Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Nelson Mandela recibe un accésit.
Ademais destes galardóns, o 21 de novembro tamén se fará entrega das distincións honoríficas a aquelas entidades e persoas que destacan pola súa notoriedade e mérito no ámbito da igualdade. Neste caso, o presidente informou que recibirán os distintivos o Centro de Información á Muller do Concello da Guarda, polo seu programa de intervención psicosocial con mulleres vítimas da violencia de xénero ou situacións familiares conflitivas. E, a título póstumo, Carmen Lago Fernández, cofundadora da entidade de iniciativa social Faraxa pola abolición da prostitución, pola súa loita contra a prostitución e a trata de mulleres na provincia de Pontevedra.