
#CULTURA
Concurso escolar Canta Rosalía!
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cultura, ten entre os seus fins promover o impulso e o fomento da cultura galega nas súas múltiples e variadas expresións, así como a creación e a difusión artística, favorecendo o uso e a convivencia na nosa lingua.
O 23 de febreiro conmemórase cada ano o Día de Rosalía, data de nacemento da nosa autora máis representativa do Rexurdimento literario, unha efeméride á que se suman distintas institucións e entidades coas súas propias iniciativas e programacións. A Deputación de Pontevedra realiza anualmente actividades e eventos relacionados con esta data tan sinalada, os cales van dirixidos ao público xeral e, en concreto, ao escolar no caso do concurso, que adquire diferentes formatos para tratar a vida e obra da autora desde distintas perspectivas e modalidades creativas. Este ano, co gallo da celebración das Letras Galegas, dedicadas ás cantareiras e á poesía popular oral, a Deputación de Pontevedra convoca un concurso co formato de poemas musicados co obxectivo de poñer en valor a vida e obra de Rosalía de Castro, de achegala ao público máis novo dun xeito lúdico e didáctico e de promover o uso da lingua galega entre o alumnado coa visión dunha Rosalía cantada e musicada.
BASES
Primeira. Obxecto
Estas bases teñen por obxecto definir as condicións de participación e convocatoria do Concurso Escolar Canta Rosalía!, que ten como fin homenaxear a Rosalía de Castro e achegar a súa obra e a súa figura dun xeito creativo ao público máis novo.
Segunda. Persoas destinatarias
O concurso está dirixido ao alumnado de primaria e secundaria dos centros escolares e de educación especial da provincia de Pontevedra, que poderá participar de xeito grupal e cun representante do centro escolar (docente ou integrante da Dirección ou Xefatura de Estudos) na categoría correspondente, segundo o curso escolar:
CATEGORÍAS
- “Campaniñas”: 1.º, 2.º e 3.º de primaria (de 6 a 9 anos)
- “Airiños”: 4.º, 5.º e 6.º de primaria (de 9 a 12 anos)
- “Fontiñas”: ESO (de 12 a 15 anos)
- “Paxariños”: educación especial
Terceira. Participación
- Vídeo horizontal cunha duración máxima de 4 minutos e coa calidade suficiente para un visionado correcto (gravado con teléfono móbil ou con videocámara).
- Interpretación musical en lingua galega dun poema ou poemas de Rosalía de Castro ou un contido relacionado con esta autora. Admítese tamén o uso ou posta en escena dun poema xa musicado por unha ou un artista ou grupo musical.
- Documento onde se describa moi brevemente o motivo ou inspiración que levou ao grupo a realizar esa peza e o significado ou obxectivo desta.
- As pezas creadas deberán ser orixinais e que non participasen neste concurso en anteriores edicións
- Participación grupal: cada centro poderá participar cun ou varios grupos en distintas categorías e presentará unicamente unha proposta por curso.
O alumnado poderá ser axudado polos seus docentes.
Cuarta. Premios e financiamento
Os premios constarán duns lotes de produtos didácticos e musicais valorados nun máximo de catro mil cincocentos (4.500,00) euros e unha actuación ou actividade cultural para cada 1.º premio valoradas nun máximo de tres mil cincocentos (3.500,00) euros. A contía dos premios consignarase con cargo á aplicación 25/330.3340.226.09 do Orzamento provincial.
CATEGORÍA “CAMPANIÑAS” (PRIMEIRO CICLO DE PRIMARIA)
- 1.º premio: unha actuación musical ou teatral que se realizará no centro escolar e un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de seiscentos (600) euros.
- 2.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de catrocentos (400) euros.
- 3.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de trescentos (300) euros.
CATEGORÍA “AIRIÑOS” (SEGUNDO CICLO DE PRIMARIA)
- 1.º premio: unha actuación musical ou teatral que se levará a cabo no centro escolar e un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de seiscentos (600) euros.
- 2.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de catrocentos (400) euros.
- 3.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de trescentos (300) euros.
CATEGORÍA “FONTIÑAS” (ESO)
- 1.º premio: unha actividade de escape room no castelo de Soutomaior e un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de seiscentos (600) euros.
- 2.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de catrocentos (400) euros.
- 3.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de trescentos (300) euros.
CATEGORÍA “PAXARIÑOS” (EDUCACIÓN ESPECIAL)
- 1.º premio: unha actuación musical ou teatral que se interpretará no centro escolar e un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de seiscentos (600) euros.
Quinta. Presentación das pezas creativas para participar
Unha persoa responsable do centro educativo, unha mestra ou un mestre ou a Dirección do centro presentará cada unha das obras, que estará identificada coa categoría, título se ten, nome da titora ou titor e datos do centro. Aqueles traballos que non estean claramente identificados non se terán en conta para participar no concurso.
As obras enviaranse en formato audiovisual mediante ligazón de descarga ao correo electrónico participa.cultura@depo.gal
Sexta. Prazo para participar
O prazo de presentación das creacións para participar no concurso remata o 21 de marzo de 2025.
Sétima. Xurado
O xurado estará composto por persoal dos servizos de Cultura, Comunicación Institucional e Servizos Lingüísticos, así como doutros servizos da propia Deputación, se o seu persoal posúe coñecementos no ámbito cultural, literario, musical e audiovisual.
O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se considera que ningún dos proxectos presentados ao concurso reúne os méritos suficientes para ser premiado.
As creacións gañadoras anunciaranse e visualizaranse nunha gala de entrega nun dos espazos da Deputación de Pontevedra coa presenza do alumnado premiado.
Oitava. Criterios de valoración
Para a valoración das propostas teranse en conta a creatividade e a orixinalidade, a lectura ou o canto e a interpretación, a música, o baile, o decorado, o atrezzo, a posta en escena, o vestiario, así como calquera outro engadido que enriqueza a proposta con total liberdade creativa.
A organización do concurso reserva o dereito de excluír todas aquelas propostas que sexan violentas, sexistas, racistas ou vulneren algún dereito fundamental das persoas.
A Deputación comunicaralle ao centro escolar cuxa proposta fose premiada a data e a hora na que terá lugar o acto público onde se entregarán os premios, que, en todo caso, será en horario escolar. Co fin de que poidan asistir, costeará o transporte do alumnado e da representación do mestrado ou da Dirección desde o centro escolar ata o lugar do acto de entrega.
Novena. Propiedade intelectual
A participación neste concurso supón a autorización das persoas participantes para que esta institución difunda, reproduza ou publique os proxectos premiados na gala de entrega correspondente, así como nas informacións xurdidas da dita entrega, coas limitacións derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de propiedade intelectual.
A Deputación de Pontevedra non difundirá externamente os vídeos recibidos, salvo petición previa e autorización expresa.
Décima. Protección de datos
Os datos persoais recollidos neste concurso serán obxecto de tratamento pola Deputación de Pontevedra en calidade de órgano responsable coa finalidade de xestionalo. A lexitimación para o tratamento baséase no cumprimento dunha tarefa de interese público ou no exercicio de poderes públicos segundo a normativa de réxime local de aplicación.
Os datos persoais obtidos neste procedemento non serán obxecto de comunicación.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, exercitar outros dereitos ou revogar o consentimento segundo o previsto en https://depo.gal/proteccion-de-datos/exercicio-de-dereitos.