A Deputación leva este domingo ata A Lama, Fornelos de Montes e Covelo o programa provincial “Voando nas Rías Baixas”

A cuarta ruta ornitolóxica, impulsada pola institución da man de SEO/BirdLife, permitirá observar as aves que habitan na Serra do Suído

23/05/2024

Voando nas Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra leva este domingo ata A Lama, Fornelos de Montes e Covelo o programa provincial “Voando nas Rías Baixas”. A cuarta ruta ornitolóxica, que organiza o organismo da man de SEO/BirdLife e que esgotou nunhas horas a totalidade de prazas ofertadas, permitirá observas as aves que habitan na Serra do Suído.

A Serra do Suído é un sistema montañoso da provincia de Pontevedra de alto valor ecolóxico, famoso pola presenza do lobo ibérico e das aves rapaces. Caracterizase polos altiplanos, nos que abundan os pastizais e o monte baixo de breixos, toxos e carqueixas, mentres que, na súa parte baixa, conta con vales e cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados. Na primavera o no verán os seus espazos acollen grandes aves rapaces, como o voitre leonado, a aguia calzada, o miñato abelleiro, a aguia cobreira ou o miñato. Sobre as pendentes do monte baixo campan a tartaraña cincenta e a gatafornela. Tamén é territorio do lagarteiro común e do falcón peregrino, e non faltan o picanzo vermello, a perdiz, o tordo charlo, a laverca e demais paxariños propios destes hábitats.

O percorrido de “Voando nas Rías Baixas” será guiado por persoal experto en ornitoloxía de SEO/BirdLife e inclúe un autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado, e cada participante terá á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle cadansúa guía.

Ademais dos tres percorridos xa realizados este ano e deste cuarto pola Lama, Fornelos de Montes e Covelo, o programa “Voando nas Rías Baixas” contempla outras tres rutas ornitolóxicas por diferentes espazos da provincia de alto valor ecolóxico ou protexidos pola Rede Natura 2000: en xuño na praia da Lanzada (O Grove), en setembro nas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro no esteiro do río Miño (A Guarda).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.