#RetoDemográfico

Programa “+Reto dixital” 2025

Formación dixital para persoas maiores de 50 anos

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, abre a convocatoria do programa “+Reto dixital”, dirixida aos 34 concellos de reto demográfico que non participaron no proxecto “Hub contra a fenda dixital e a soidade non desexada” durante o ano 2024. O obxectivo desta iniciativa é ofrecerlles formación dixital ás persoas maiores de 50 anos empadroadas nestes concellos para facilitarlles o acceso aos servizos da Administración electrónica e dotalas dunha maior autonomía na xestión de trámites cotiáns, e así mellorar a súa calidade de vida a través da adquisición de habilidades dixitais.


Os obradoiros ofertados son os seguintes:

  • A Administración Electrónica
  • A Sede Electrónica da Deputación de Pontevedra e do meu Concello
  • Sergas, a súa Aplicación Electrónica e TELEA
  • Uso da Banca Móbil e as Compras Electrónicas
  • As Redes Sociais

Cada Concello poderá solicitar dous obradoiros. Ademais, poderá indicar na solicitude un obradoiro adicional no caso de quedar prazas sen adxudicar tras a concesión inicial. A asignación destes obradoiros adicionais realizarase por orde de entrada das solicitudes no Rexistro electrónico da Deputación.

Cada obradoiro terá unha duración de cinco horas e incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e de internet.

En cada obradoiro poderán participar entre oito e quince persoas, cun custo de cinco euros por participante. A formación será presencial e impartiraa unha empresa especializada entre os meses de xuño e decembro, en función das preferencias dos concellos e o alumnado e da dispoñibilidade da empresa adxudicataria.

Os concellos que se beneficien deste programa deberán:

  • Seleccionar as persoas beneficiarias segundo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
  • Comunicar a relación definitiva das persoas admitidas en cada obradoiro.
  • Proporcionar unha aula axeitada para a formación que cumpra cos requisitos de capacidade, mobiliario, accesibilidade e conexión a internet.

Os concellos interesados poden presentar as súas solicitudes a través do Rexistro electrónico da Deputación de Pontevedra. Para máis información, poden contactar co Servizo de Xuventude e Reto Demográfico.

Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico.