Xuventude e Reto Demográfico

A Deputación de Pontevedra, no exercicio das competencias que lle atribúe a lexislación local vixente, ten o compromiso de deseñar políticas que contribúan a desenvolver as estratexias europeas, nacionais e autonómicas, coa posta en marcha de plans concretos de actuación de reto demográfico nos concellos, co fin de cumprir os obxectivos fixados pola lei galega de reto demográfico. Isto é, conseguir o impulso demográfico da provincia, de acordo cos principios de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal, desenvolvemento social, económico e ambiental sostible e territorialmente equilibrado, de xeito que as persoas consideren a nosa provincia como un lugar idóneo para vivir, con independencia do concello do que se trate.

Este reto supón deseñar e executar políticas públicas dirixidas a que todas as persoas, con independencia do seu lugar de residencia e da súa idade, teñan acceso aos mesmos servizos públicos en igualdade de condicións, é dicir, que poidan acceder ao ensino e á formación non regulada, incluída a virtual; a actividades de lecer e tempo libre para todas as idades; a actividades extraescolares para rapazas e rapaces ―particularmente as deportivas―; ao emprego, potenciando de xeito especial a creación de empresas locais. Tamén se porán en marcha programas de loita contra a soidade non desexada en coordinación con servizos sociais comunitarios e calquera outro de natureza análoga.

As novas tecnoloxías xogan un papel fundamental, e nesta área inclúese a creación de hubs de innovación dixital, tal e como sinala a citada lei galega de reto demográfico. Na actualidade estase a poñer en marcha o “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra”, cun importe de 500.000 €, subvencionado polo MITECO ―e con achega propia―, como experiencia piloto en cinco concellos da provincia, que, unha vez implantado, pode servir de base para poñer en marcha programas similares de reto demográfico noutros concellos.

Así mesmo, é necesario adoptar outras medidas como apoiar o comercio de proximidade, crear ferramentas tecnolóxicas dixitais, potenciar o envellecemento activo e saudable, desenvolver plans de inclusión e alfabetización dixital que faciliten as competencias básicas das persoas maiores, reforzar a atención a domicilio e o acompañamento das persoas maiores con limitacións funcionais e de autonomía persoal, mellorar as relacións interxeracionais ou crear e impulsar o voluntariado xuvenil, entre outros.

Finalmente, cómpre lembrar que o reto demográfico é un eixe transversal e que os servizos da Deputación de Pontevedra deben coordinar as políticas que se leven a cabo neste ámbito.

XUVENTUDE

As políticas da institución provincial dirixidas á xuventude son transversais e, como tales, deben coordinarse para conseguir que sexan máis eficaces, polo que o Servizo de Xuventude recoñece a importancia de escoitar os colectivos xuvenís e os concellos, a través das oficinas municipais de información xuvenil, á hora de implantar medidas de apoio á mocidade.

Deste xeito, o servizo traballará na elaboración do Plan estratéxico provincial de xuventude e nunha ordenanza reguladora de uso do Centro de Vacacións da Lanzada co fin de abrilo á sociedade e, en particular, á mocidade.

Por outra banda, desenvolverá diversas tarefas de xestión e colaboración para promover a participación xuvenil por medio da creación de liñas de subvencións dirixidas a asociacións xuvenís, do impulso da constitución de consellos locais de xuventude e da dotación de locais destinados a este colectivo, de forma prioritaria nos concellos de reto demográfico. Neste mesmo sentido, buscará visibilizar a oferta de actividades e difundir subvencións convocadas por outros organismos ou institucións.

información

  • Edificio Administrativo
  • Avenida de Montero Ríos - 36071
  • +34 986 804 100
  • xuventudereto@depo.es