A Deputación concédelle ao Concello das Neves preto de 40.000 € para realizar melloras no pavillón municipal
A achega, ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, pretende actualizar o pavimento actual coa mellora das condicións para as e os usuarios e deportistas
01/04/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de preto de 40.000 euros para o Concello das Neves, ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, que permitirá instalar un novo pavimento deportivo no pavillón de deportes municipal. Ata o momento, o Goberno provincial mobilizou a través deste plan preto de 1 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para As Neves, para A Cañiza, Arbo, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Lalín, Marín, Meis, Pazos de Borbén, Poio, Redondela e Salceda de Caselas.
No caso das Neves, a achega de 38.811 euros está destinada a realizar os traballos necesarios para mellorar o pavimento do pavillón de deportes municipal, co obxectivo de adecuar o espazo aos seus usos, e así mellorar as condicións das e dos usuarios e deportistas que empregan a diario estas instalacións.
En concreto, os traballos consistirán na instalación dun pavimento deportivo vinílico heteroxéneo para interior que contará cun sistema de rebote e de grande absorción de impactos. Ademais, a superficie será non porosa, lisa antiescorregadiza e bacteoriostática; todo isto permitirá que se poida realizar un uso deportivo intensivo. Unha vez instalado o novo pavimento, procederase a marcar e pintar os diferentes campos de xogo.