Xosé Lois Romero & Aliboria actúan este xoves en Meaño ao abeiro do programa da Deputación “Musigal”

O concerto terá lugar na praza Nova de Dena ás 21:30 horas

09/08/2023

xosé lois romero e aliboria

Xosé Lois Romero e Aliboria ofrecerán este xoves 10 de agosto un concerto na praza Nova de Dena, no concello de Meaño, ás 21:30 horas. Trátase dunha das actuacións do programa provincial “Musigal”, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua.

O proxecto musical que promoven o multiinstrumentista Romero e Aliboria une vangarda e respecto pola tradición a partes iguais, e está baseado unicamente en voces e percusións tradicionais. Reúne sobre o escenario dez músicos que recuperan as percusións tradicionais que se empregaban en Galicia a principios e mediados do século XX (instrumentos para labrar o campo, utensilios de cociña ou latas de pementón) xunto a outros instrumentos clásicos da música tradicional. A formación conta cun coro de seis mulleres que enlazan a tradición máis intuitiva coa música tribal de África ou a América Latina afrodescendente.

“Latexo”, publicado no 2020, é o último disco resultante deste proxecto. Nel, Xosé Luis Romero & Aliboria manteñen o pulso do tribal e o ritual á vez que resignifican os códigos da música folk galega. O grupo pasou por grandes festivais como Ortigueira ou o Intercéltico do Morrazo, e as actuacións chegaron ás principais cidades do noso país. Ademais, os membros da formación comparten xiras con importantes bandas como Baiuca ou Vetusta Morla.

 

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 22 resultados.