A terceira edición das Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial porá o foco nos coñecementos compartidos

Representantes de institucións museísticas de Galicia, España, Portugal e Suíza participarán no evento, que terá lugar os días 14 e 15 de decembro no Museo de Pontevedra

09/10/2023

Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial

O Museo de Pontevedra acollerá o 14 e 15 de decembro as III Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial, este ano baixo o lema ”Coñecementos compartidos”. O evento quere consolidarse como espazo de referencia para o diálogo e a reflexión sobre o papel dos museos e dos espazos educativos na formación de conciencias activas, solidarias e socioafectivas coa comunidade. Nas xornadas poranse en común experiencias relevantes no eido da educación patrimonial por parte de profesionais e persoal investigador de museos, universidades e outras entidades de Galicia, España, Portugal e Suíza.

As xornadas están organizadas polo Museo de Pontevedra e pola Universidade de Santiago de Compostela. O programa inclúe conferencias, mesas de debate, obradoiros, espazos de diálogo e unha sesión de presentación de investigacións e experiencias prácticas. Nelas participarán representantes do Zentrum Paul Klee de Berna e do Institute Art Gender Nature da Academy of Arts and Design FHNM de Basilea, ambos os dous en Suíza, das universidades de Santiago de Compostela, Lleida, Barcelona e Zaragoza, da Bienal de Cerveira (Portugal) e de museos e centros educativos de Galicia.

As xornadas pretenden ser un foro para compartir experiencias e inquedanzas, estender voces e miradas, revisar rutinas, e impulsar cambios entre profesionais da educación e dos museos, e o público en xeral. Están dirixidas a profesionais e persoas investigadoras relacionadas coa acción cultural e educativa nos museos, ás que traballan a educación patrimonial desde outros ámbitos e a estudantes de disciplinas relacionadas coas humanidades, entre outro público.

A inscrición é gratuíta grazas ao patrocinio da Deputación, e pódese facer ata o 4 de decembro en https://epatrimonial-museopontevedra.depo.gal.

Tamén é posible participar co envío de pósteres vinculados coas liñas temáticas das xornadas. Ata o 10 de novembro poderase presentar a solicitude previa, na que se indicarán a temática, a autoría e o resumo. Os pósteres aceptados deberán enviarse antes do 24 de novembro e presentaranse nunha sesión específica dentro das xornadas, ademais de incorporarse ás actas, que se publicarán dixitalmente.

As xornadas están dirixidas por Belén Castro Fernández, coordinadora da Área de Didáctica das Ciencias Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, coa coordinación xeral de Agar Ledo Arias, do Museo de Pontevedra, e coa coordinación científica de Ana Portela  Fontán, da Universidade de Barcelona.

As conferencias correrán a cargo de Martin Waldmeier, conservador de arte moderna e contemporánea do Zentrum Paul Klee; Javier Bará Temes, catedrático xubilado da Universidade Politécnica de Cataluña; e Chus Martínez, directora do Institute Art Gender Nature. O programa completo pódese consultar en https://epatrimonial-museopontevedra.depo.gal/.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.