Catorce experiencias prácticas e investigacións mostraranse nas Xornadas de Educación Patrimonial que organiza o Museo de Pontevedra

A inscrición está aberta ata o próximo luns 4 de decembro, e as xornadas celebraranse os días 14 e 15 do vindeiro mes

28/11/2023

O Museo de Pontevedra pechou o prazo de recepción de pósters para presentar experiencias prácticas e investigacións académicas nas III Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial. As propostas recibidas permitirán que os próximos días 14 e 15 de decembro se expoñan no contexto das xornadas catorce iniciativas prácticas e pescudas académicas relacionadas co tema deste ano: “Coñecementos compartidos”.

Os catorce pósters mostraranse na sección “Diálogos” do evento. Trátase de traballos relacionados coa reflexión arredor da educación patrimonial; os proxectos educativos sobre patrimonio e comunidade; a conexión entre museos, espazos culturais e centros educativos; a identidade cultural como proceso de construción crítica; e a orientación ética nas actividades educativas sobre o patrimonio.

Recibíronse propostas de Galicia, outros lugares da península e incluso desde outros países, coma Brasil. Abordan aspectos tan diferentes coma a integración de persoas excluídas a través da creación de monicreques; o legado sociocultural do oficio da costura; os diálogos entre pobos indíxenas e museos, a reinterpretación de monumentos conmemorativos da violencia colonial; ou o papel docente de institucións museísticas.

A inscrición como público ás xornadas está aberta ata o próximo luns 4 de decembro. É gratuíta grazas ao patrocinio da Deputación e pódese facer a través de https://epatrimonial-museopontevedra.depo.gal

Ata agora xa están inscritas máis de cen persoas, tanto de museos coma de universidades, outros centros educativos e outras institucións interesadas na educación patrimonial, chegadas de Galicia e comunidades coma Asturias, Aragón, Navarra, Canarias, Cataluña ou Valencia.

As III Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial desenvolveranse os días 14 e 15 de decembro no Museo de Pontevedra baixo o lema “Coñecementos compartidos”. O evento quere consolidarse como un espazo de referencia para o diálogo e a reflexión sobre o papel dos museos e dos espazos educativos na formación de conciencias activas, solidarias e socioafectivas coa comunidade. Nas xornadas poranse en común experiencias relevantes no eido da educación patrimonial por parte de profesionais e persoal investigador de museos, universidades e outras entidades de Galicia, España, Portugal e Suíza.

As xornadas están organizadas polo Museo de Pontevedra e pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). O programa inclúe conferencias, mesas de debate, obradoiros, espazos de diálogo e unha sesión de presentación de investigacións e experiencias prácticas. Participarán representantes do Zentrum Paul Klee de Berna e do Institute Art Gender Nature FHNW Academy of Arts and Design de Basilea, ambos os dous de Suíza; da USC e das universidades de Lleida, Barcelona (UB) e Zaragoza; da Bienal de Cerveira (Portugal); e de museos e centros educativos de Galicia.

As xornadas están dirixidas por Belén Castro Fernández, coordinadora da Área de Didáctica das Ciencias Sociais da USC, coa coordinación xeral de Agar Ledo Arias, do Museo de Pontevedra, e coordinación científica de Ana Portela  Fontán, da UB.

As xornadas están dirixidas por Belén Castro Fernández, coordinadora da Área de Didáctica das Ciencias Sociais da USC, coa coordinación xeral de Agar Ledo Arias, do Museo de Pontevedra, e coordinación científica de Ana Portela  Fontán, da UB.

As conferencias correrán a cargo de Martin Waldmeier, conservador de arte moderna e contemporánea do Zentrum Paul Klee (Berna, Suíza); Javier Bará Temes, catedrático xubilado da Universidade Politécnica de Cataluña; e Chus Martínez, directora do Institute Art Gender Nature FHNW Academy of Arts and Design (Basilea, Suíza). O programa completo pódese consultar en https://epatrimonial-museopontevedra.depo.gal/