“Violencia Zero” chega ao Centro Príncipe Felipe cun “berro” contra as violencias machistas

Rapazas e rapaces do centro colaboraron no mural elaborado pola artista mural Rakele Cavallo na fachada principal do edificio do Centro Escola/Fogar. “É un dos murais máis fermosos da provincia”

17/07/2022

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou no centro Príncipe Felipe o mural “Berro” que realizou a artista Rakele Cavallo na fachada principal do edificio do Centro Escola/Fogar no marco do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” para denunciar as violencias que sofren as mulleres polo feito de ser mulleres. A artista estivo acompañada na súa elaboración por rapazas e rapaces do centro que asistiron a un obradoiro creativo no que compartiron esta experiencia única para transformar o muro do centro nun verdadeiro patrimonio cultural. No acto de inauguración a presidenta estivo acompañada pola deputada delegada de Príncipe Felipe, Noemí Outeda, así como o seu director, Manuel Cendón, profesorado e alumnado do centro.

Carmela Silva valorou moi positivamente “a participación destas rapazas e rapaces do centro no mural”, e asegurou que “temos que querer, respectar e admirar moito” esta rapazada “porque están a traballar para construír as súas vidas nas mellores condicións, e iso fai que nos sintamos cheas e cheos de orgullo delas e deles”. En canto ao mural, a presidenta provincial valorou “a extraordinaria habilidade na arte mural de Rakele Cavallo, que realizou unha obra artística de gran calidade, chea de símbolos e de cor, a carón da rapazada”. O resultado, asegurou, é “un dos murais máis fermosos de toda a provincia”.

“Berro” plasma “a transición entre o sufrimento e a dor cara á felicidade”, explicou Cavallo, “para dar a entender que, se unha quere, pode saír”, e “tamén que as mulleres somos fortes e valentes, por iso representei a muller co brazo erguido que é símbolo do poder”, en alusión á imaxe do mural, unha reinterpretación da icónica imaxe de Naomi Parker representada nun cartel deseñado por J. Howard Miller durante a II Guerra Mundial co lema “We Can Do It!”, e que xa está nos imaxinarios colectivos como representación universal do apoderamento feminino e da loita e reivindicación dos dereitos das mulleres.

O fondo do mural está composto por unha serie de motivos florais, que foi a parte na que actuaron as rapazas e rapaces de Príncipe Felipe. Un dos nenos, Paleo, sinalou que “xa tratamos o racismo e o cambio climático, polo que ía sendo hora de que tivésemos un mural dedicado á erradicación da violencia de xénero”. Outro dos rapaces que colaboraron na obra, Aday, asegurou que para el foi “un orgullo” intervir, xa que “o mural inculca o que quere a sociedade: que as mulleres estean apoderadas e que sigamos adiante na loita polos seus dereitos”. Pola súa parte, outra rapaza do centro, Sandra,  asegurou que “en canto vin o mural rematado entendín perfectamente a explicación: unha muller loitadora polos dereitos das mulleres”. Tralas súas palabras, Carmela Silva asegurou que “é emocionante escoitar esta rapazada, co orgullo que senten de que por fin en Príncipe Felipe haxa un mural que sexa un berro de loita contra as violencias machistas”.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten este ano o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. De novo estanse a realizar 25 accións en 25 concellos. O programa xa pasou por Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña, Caldas de Reis, As Neves, Redondela, Salceda e Fornelos e chegará proximamente aos concellos de Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 24 resultados.