“Tras as Ameas” volve este verán aos castelos de Soutomaior e Sobroso con 13 espectáculos musicais, escénicos e novos obradoiros
As actividades que organiza a Deputación arrancan o 27 de xuño co concerto de Javier Otero Neira e Rut Balvís en Soutomaior e prolongaranse ata o 29 de agosto coa sesión de contos “Lingoreteira”, a cargo de Xarope Lulú en Sobroso
10/06/2023
Os Castelos de Soutomaior e Sobroso vólvense encher de cultura accesible e participativa este verán coa programación do ciclo “Tras as Ameas”, a través do que a Deputación de Pontevedra dinamiza estes espazos patrimoniais e históricos a través de actividades para todos os públicos. Concertos nos xardíns, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo conforman o programa que neste verán arrancará o vindeiro 27 de xuño e se prolongará ata o 29 de agosto, cun total de 13 actividades, 8 delas en Soutomaior e 5 en Sobroso. Para asistir aos espectáculos, todos gratuítos, será necesario inscribirse no formulario que as persoas interesadas poderán atopar desde este luns, 12 de xuño, na web provincial (www.depo.gal).
Ao igual que nas anteriores edicións, as actividades enmárcanse nos ciclos Noite nos castelos (accións disciplinares nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita! (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia). “Tras as Ameas” comezará o vindeiro 27 deste mes de xuño co concerto Escoitando o silencio (Silentsystem), que ofrecerán Javier Otero Neira e Rut Balbís no Castelo de Soutomaior ás 21 horas e, posteriormente, en xullo e agosto haberá outras doce actividades.
Deste xeito, o día 4 Taller Abierto impartirá o obradoiro de arquitectura Re-coñecendo o Castelo, ás 18 horas no Castelo de Sobroso, mentres que o xoves 6 o mesmo colectivo ofrecerá o taller de natureza e creatividade Explorando a paisaxe ás 18 horas en Soutomaior. Neste castelo A Cova das Letras ofrecerá o contacontos Frida o día 13 de xullo ás 19 horas, mentres que o xoves 20 o Mago Teto protagonizará Rock ‘n’ magic ás 19 horas e o día 27 a compañía Inventi Teatro escenificará As palabras perdidas ás 19 horas. E en Sobroso, diante da fachada, o día 18 de xullo será a quenda da música, co espectáculo do grupo Caldo, a cargo de María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita).
No mes de agosto, as actividades comezarán no Castelo de Sobroso o día 1 coa actuación de Golfiños no espectáculo Silforiña ás 19 horas e continuarán logo no Castelo de Soutomaior coas actividades de circo Glamping, a cargo de SU.MA. (día 3 ás 19 horas) e Nino & Mambrú, con Nauta (día 17 ás 19 horas), así como coa música de Mamá Cabra e o seu espectáculo Paxaro amigo. Músicas para a paz (día 10 ás 19 horas). Sobroso acollerá as dúas últimas actividades: o espectáculo de maxia Superhero de Fran Rei o día 22 e os contacontos de Xarope Lulú baixo o título Lingoreteira, ambos ás 19 horas.
As actividades no Castelo de Soutomaior serán no xardín, salvo en caso de choiva, que se traslarán á carpa ou ao interior, mentres que en Sobroso serán na zona do merendeiro, ágas o concerto previsto para o 18 de xullo, que será diante da fachada do castelo.