A Deputación supervisa en Rodeiro os traballos de conservación de firme nas estradas provinciais EP-6201 Rodeiro-Vilela e EP-6204 Portela-Antas de Ulla, onde está a investir 175.000 €

A deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, percorreu varios tramos de ambas estradas onde se está a traballar ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial

09/12/2024

Traballos de conservación de firme nas estradas provinciais de Rodeiro

A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, supervisou en Rodeiro as obras que a institución está a acometer nas estradas provinciais EP-6201 Rodeiro-Vilela e EP-6204 Portela-Antas de Ulla e nas que está a investir 175.000€. Estes traballos están incluídos no lote 1 do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial que contempla un orzamento total para o conxunto da provincia de 4,5 millóns de euros.

Isabel Couselo sinalou que as tarefas a desenvolver nestas dúas infraestruturas de titularidade provincial consiste na reposición da capa de rodadura. Na estrada EP-6201 Rodeiro-Vilela a lonxitude de reposición de firme abrangue 850 metros e unha superficie de 5.500 metros cadrados e na EP-6204 Portela-Antas de Ulla, 1.400 metros e 8.400 metros cadrados. En ambas vías actuarase con aglomerado en quente e, ademais das operacións de mantemento do firme, tamén se realizará a reposición da sinalización horizontal e drenaxe afectadas. Con estas obras corríxese o estado do pavimento en vías provinciais con degradacións, tales como pavimentos escorregadizos, deformados ou con fisuras. 

A deputada provincial informou de que esta é só unha das actuacións que a Deputación de Pontevedra está a executar nas vías provinciais que atravesan esta contorna ao abeiro do lote 1 do acordo marco de obras de conservación de firmes. Deste xeito, proximamente está previsto que comecen actuacións en estradas provinciais da zona enmarcadas nese mesmo lote como a  EP-6104 Castro-Dozón-Saa- A Rocha, EP-6102 Castro-Dozón-O Irixo, EP-6004 Prado-Vilatuxe e a EP-6403 Cruces-Brocos.