A Deputación financia melloras en camiños e accesos a núcleos rurais de Rodeiro por valor de máis de 400.000 €

A institución provincial aproba dúas achegas que afectan a vías municipais situadas nas parroquias do Salto, Rodeiro, Guillar, Álceme e Vilela

26/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dúas novas achegas ao Concello de Rodeiro por valor de máis de 426.000 euros para posibilitar a mellora e a pavimentación de distintos camiños e accesos a núcleos rurais da localidade. As subvencións están enmarcadas dentro do Plan Concellos 2023, unha vez o concello solicitou o cambio de finalidade de tres investimentos que xa foran aprobados anteriormente. Ambos os dous investimentos serán financiados integramente grazas a estas subvencións concedidas pola institución provincial.

Deste xeito, o Concello de Rodeiro recibirá por unha banda unha achega de 377.910,19 € para financiar a mellora e pavimentación de varios camiños e accesos a núcleos rurais situados nas parroquias do Salto (o acceso ao lugar de Calque), Rodeiro (o acceso ao lugar da Vila), Guillar (o camiño de Outeiro á Fraga) e Álceme  (o camiño de Álceme a Rañestras e mais o acceso ao lugar de Rañestras). Procederase á limpeza das marxes e os foxos, á execución e reforzo dos pavimentos, á reposición da sinalización horizontal localizada nos tramos afectados e á limpeza dos canos obstruídos. Onde o espazo dispoñible o permita, tamén se procederá a incrementar o ancho da superficie de rodadura.

Pola outra banda, a Deputación financiará a actuación de mellora dun camiño no lugar de Vilela. Na zona de actuación, o pavimentado actual presenta un importante deterioro ademais dunha deficiencia na evacuación das augas. Destes xeito contémplase a roza e limpeza das marxes, a substitución do pavimento e das canalizacións, a instalación de dúas arquetas e mais a execución dun sumidoiro lonxitudinal e mais dunha canalización de drenaxe.