O espectáculo Dúo Vaguedades chega este domingo a Silleda no marco do ciclo escénico da Deputación

A función, con entrada libre ata completar a capacidade, terá lugar no Auditorio Municipal Manuel Dopazo, ás 19:30 horas

16/12/2023

O Auditorio Municipal Manuel Dopazo, no concello de Silleda, será escenario este domingo 17 de decembro do número cómico protagonizado por Isabel Risco e Fran Rei, que porán en escena a obra Dúo Vaguedades, dirixida ao público mozo e adulto. O espectáculo enmárcase no marco do ciclo da Deputación “Tornar ás táboas”, un proxecto co que a institución está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función, da man da compañía Artefeito, dará comezo ás 19:30 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade.

En Dúo Vaguedades, Isabel Risco e Fran Rei interpretan a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal nun espectáculo que dá un salto do audiovisual ao escenario e mestura teatro, humor e música. Na liña habitual desta parella de humoristas, a peza propón unha revisión cómica dunha parte fundamental da cultura e lingua galegas.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, desde outubro e ata finais de mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.