O espectáculo de marionetas Animalia chega este mércores a Dozón no marco do ciclo teatral da Deputación

A función terá lugar no CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón, ás 17 horas, e a entrada será libre ata completar a capacidade

19/12/2023

O ciclo de teatro da Deputación de Pontevedra “Tornar ás táboas” chega este mércores 20 de decembro a Dozón con Animalia, a cargo da compañía A Cova das Letras. O espectáculo de marionetas, dirixido a un público infantil e familiar, terá lugar a partir das 17 horas no CEIP Pío Cabanillas Gallas e a entrada será libre ata completar a capacidade.

Con temáticas como o vexetarianismo, o respecto pola natureza, a clasificación de animais, a tintura dos tecidos, as plantas e as cancións populares, Animalia presenta a historia da doutora Pata e do seu axudante Pico, que traballan nun santuario de animais abandonados ou feridos. Nel, Pata e Pico traballan sen descanso, cantan, xogan, rin e contan fermosas historias para que a estancia destes animais sexa o máis agradable posible.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra achega, desde outubro e ata finais deste mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que ofrecen por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.