Negocios e veciñanza de Tomiño coñecen as obrigas e claves a ter en conta coa nova lei de residuos

O persoal técnico do Revitaliza da Deputación explicou que os produtores singulares deben responsabilizarse da xestión do seu lixo orgánico aínda que o concello non teña despregada unha rede de recollida

13/07/2022

Negocios e veciñanza de Tomiño coñecen algo mellor dende hoxe as claves a ter en conta coa nova lei de residuos que dende o pasado 30 de xuño obriga a todos os negocios e hostalería a separar o seu lixo orgánico de maneira obrigatoria e sen excepcións. Persoal técnico do Revitaliza da Deputación estivo no Mercado municipal para explicar, da man das mestras composteiras do Concello, cales son os principais cambios tanto para hostalería como para os domicilios particulares.

En primeiro lugar, os técnicos Silva e Pintos subliñaron que a  nova lei establece que todos os produtores de lixo deben responsabilizarse da súa separación e correcta xestión. Por iso, se no municipio aínda non hai despregada unha rede de recollida de residuos orgánicos e existe un negocio que os produce, ese negocio debe facerse cun composteiro individual ou chamar ao concello para pedir que habilite un composteiro comunitario ou un colector marrón nas inmediacións se é posible. Noutro caso debería que contratar un xestor de biorresiduos que pase a recollelos e se encargue de tratalos debidamente.

Nese último caso, o negocio debe poder acreditar a súa correcta xestión se llo requiren nunha inspección. De feito, a lei indica que as administracións, tanto Xunta como concellos, teñen obriga de realizar inspeccións, habendo multas elevadas para aqueles negocios que incumpran. Cosidéranse infraccións graves o verquido ou abandono de lixo ou tamén impedir a inspección e control e as sancións por estes motivos poden ir desde 2.000 a 100.000 euros.

Por outra banda, no caso da veciñanza, todos os concellos de máis de 5.000 habitantes están obrigados a recoller separadamente todas as fraccións do lixo, incluída a orgánica, xa ben por composteiros –como Tomiño- ou colector marrón. O concello miñoto é dos poucos na provincia e en toda Galiza que está preparado para poder achegarse ás cifras de reciclaxe que esixe a normativa grazas a que leva a traballar moito nos últimos anos para despregar a súa rede de composteiros.

Segundo subliñou o persoal técnico é preciso que sobre todo as persoas propietarias de negocios muden a súa filosofía con respecto ás súas obrigas anteriores con respecto aos residuos, xa que coa nova normativa, e parafraseando ao vicepresidente da Deputación César Mosquera, estase a producir unha grande ‘revolución’ que non permite ao comercio e hostalería poñer escusas e ‘botar balóns fóra’ alegando que os concellos non prestan os servizos. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.