A Deputación aproba destinar 650.000 euros para os clubs deportivos que participen en competicións de ámbito inferior ao estatal

Estas achegas permitirán subvencionar gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou sanitarios, e súmanse aos 900.000 € aprobados a pasada semana para competicións de ámbito estatal

11/04/2025

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 650.000 euros para axudar a clubs que participan en competicións oficiais de ámbito inferior ao estatal, unhas achegas que se suman aos 900.000 € aprobados a semana pasada para competicións de ámbito estatal. En resumo, máis de 1,5 millóns de euros para o deporte da provincia, “o que manifesta, unha vez máis, que este é un Goberno de feitos e que o noso compromiso co deporte tradúcese en recursos concretos para promover a práctica deportiva e para impulsar todas as modalidades, apoiando aos clubs e federacións de todas as disciplinas”, asegurou o vicepresidente Rafa Domínguez.

Estes 650.000 euros, que o pasado ano beneficiaron a 519 clubs de 58 concellos da provincia, distribuiranse en dúas liñas diferentes. A primeira, cun orzamento de 600.000 euros, está destinada aos clubs de competicións de ámbito inferior a estatal, que poden solicitar un máximo de 3.000 € cada un, e a segunda, á que a Deputación destina 50.000 euros, está centrada naqueles clubs que participen na competición de fútbol Preferente Galicia, que recibirán ata 5.000 euros.

En ambos casos, o importe máximo non pode superar o 80% do orzamento presentado e, entre os gastos subvencionables atópanse os gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo e os sanitarios.

audios