SmartPeme imparte esta semana catro novas accións formativas

O programa provincial de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre ciberseguridade, Airbnb, tendas en liña e Arduino

13/11/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta catro novas accións formativas impartidas de xeito mixto, combinando cursos online e presenciais, enmarcados na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a ciberseguridade nos móbiles, comercialización de aloxamentos con Airbnb, plataformas para crear tendas en liña e programación con Arduino.

O luns 14 de setembro, Manuel Freire, experto universitario en Robótico, programación e Impresión 3D, será o encargado de impartir o obradoiro “Ciberseguridade, dispositivos móbiles”. Este curso ten como obxectivo ver a importancia de protexer os dispositivos móbiles, xa que cada vez somos máis dixitais. Será ás 10.00 horas de xeito telemático. Freire tamén dirixirá o derradeiro dos obradoiros da semana, o xoves 17, será “Programación con Arduino II. Teórico II”. Este curso forma parte dun itinerario que ten como obxectivo iniciarse e adquirir soltura cunha das linguaxes de programación máis populares actualmente como é Arduino, combina talleres teóricos en liña e talleres prácticos para experimentar o aprendido.

O martes 15 ás 11 da mañá terá lugar vía Zoom “Airbnb: comercialización en liña de aloxamentos e experiencias”, un obradoiro no que se falará de como converterse en anfitrión de aloxamentos e actividades e cales son as condicións e vantaxes de formar parte desta plataforma dixital. O curso estará guiado por Sonia Torres, posgraduada en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas pola Universidade de Santiago de Compostela.

A penúltima das accións formativas celebrarase o mércores 16 pola tarde, ás 18.00 horas, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, será quen imparta o taller “Descobre plataformas para crear de maneira sinxela a túa propia tenda en liña”. Trátase dun obradoiro no que se verá a situación actual do comercio electrónico, que pasos dar para crear unha tenda en liña e cales son as mellores plataformas para creala.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.