SmartPeme oferta esta semana catro novos cursos online

O programa de asesoramento tecnolóxico imparte esta semana, formacións sobre ciberseguridade, promoción en Facebook e Google My business e usos do inboundmárketing

20/11/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta catro novas formacións impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas de ciberseguridade, promoción de negocios turísticos a través de Facebook e Google My Business  e  inbound márketing.

Este luns 21 de novembro, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o curso “Ciberseguridade, o que non se ve da navegación na internet”. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer  a importancia dos riscos que ten a navegación por internet.

O martes 22, a postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela, Patricia Cabaleiro, impartirá  o taller “As vantaxes de Facebook para promocionar o teu negocio turístico”. Facebook é unha importante ferramenta de comunicación directa cos clientes actuais e os potenciais. Grazas á cantidade de información que ten dos seus usuarios, esta rede social permite ás empresas turísticas dispoñer de información valiosa sobre os intereses e preferencias dos viaxeiros e dos lugares aos que viaxaron.

O mércores 23 de novembro, Adrián Fernández, Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, dará a coñecer Google My Business, unha ferramenta de Google enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade. Google My Business está pensado para facilitar o aproveitamento, por parte dos pequenos comercios, das posibilidades da xeolocalización e as procuras que a súa potencial clientela poida facer, empregando o buscador de Google. Todo este contido desenvolverase no obradoiro “Promociona o teu negocio con Google My Business”.

Finalmente, o xoves 24, impartirase o taller “Introdución ao inbound márketing I”. Este curso ten como finalidade ensinar esta metodoloxía non intrusiva, baseada en técnicas do márketing e a publicidade dixital, que ten como obxectivo comunicarse cun usuario desde que coñece unha marca, acompañándoo ata a conversión ou venda final. Esta formación será impartida polo enxeñeiro informático José Luis Taboada.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.