A Misión Biolóxica de Galicia colabora na identificación dos cultivares de viña da horta de Santa Clara

Na xornada de hoxe un equipo do Grupo de Viticultura, Olivo e Rosa do centro do CSIC, en colaboración con persoal da EFAreeiro, tomou varias mostras para realizar unha análise ampelográfica 

14/06/2022

Santa Clara

A Misión Biolóxica de Galicia, centro dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), está a colaborar na identificación dos cultivares de viña que hai na finda do convento de Santa Clara. Na mañá de hoxe e xunto ao persoal provincial da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) , un equipo do Grupo de Viticultura, Olivo e Rosa liderado pola investigadora María del Carmen Martínez recolleu diferentes mostras de follas e outros elementos das vides para realizar unha análise ampelográfica das variedades de viña plantadas.

Segundo explica a responsable da EFA Carmen Salinero, tendo en conta o plano realizado no informe botánico preliminar da parcela, identificáronse un total de 163 pés de viña, 50 na zona do claustro e 113 na zona de horta, que supoñen o 49% de exemplares vexetais que hai na parte exterior do convento.

Na visita de hoxe recolléronse mostras de follas e outros elementos dos pés de viña dos que había máis dúbida da súa variedade, aínda que inicialmente a maior parte deles foron preidentificados como pés de catalá. No laboratorio estudiaranse as diferentes partes das planta e a súa morfoloxía, clasificándose en base á cor, a forma, o tamaño e outras características do  pámpano, o acio, a baga, e o sarmento, para determinar as variedades de maneira definitiva.

Para unha completa definición realizaranse dúas recolleitas máis de mostras por parte do CSIC: a segunda no verán, cando se comprobarán as características iniciais das cepas de viña noutro estadío, e unha terceira análise deses mesmos elementos no momento da colleita.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 17 resultados.