A Deputación e o INCIPIT-CSIC comezan os traballos de campo en xacementos de Cambados, Catoira e Fornelos
Os traballos arrancan en San Sadurniño (Cambados), Torres de Oeste (Catoira) e Chozos do Alén (Fornelos), enmarcados no convenio para difundir, protexer e fomentar o valor dos bens de patrimonio cultural da provincia
15/05/2023
Novo paso no convenio entre a Deputación e o INCIPIT-CSIC para difundir, protexer e fomentar o valor dos bens de patrimonio cultural da provincia. Tras rematar a primeira acción contemplada no acordo, cunha serie de charlas e conferencias en centros de ensino público, estes días veñen de comezar os traballos de campo para intervir en tres dos oito xacementos incluídos no convenio, concretamente nos Chozos do Alén (Fornelos), a Illa de San Sadurniño (Cambados) e as Torres de Oeste (Catoira).
O persoal técnico do Instituto de Ciencias do Patrimonio comezou xa a comezos de mes a actuar nos Chozos do Alén, en Fornelos de Montes. A intervención neste xacemento consiste nunha prospección superficial, xeorreferenciación, levantamento topográfico de precisión e modelado 3D dunha parte do conxunto –combinando fotogrametría aérea e terrestre–, sondaxes valorativas nos chozos e no foxo para realizar unha datación radiocarbónica que indique o seu período de uso e coñecer a súa funcionalidade en profundidade, e na avaliación da potencialidade dos rexistros paleoambientais de cara a estudar as transformacións na paisaxe local ao longo do tempo.
Os chozos (refuxios para pastores e gando) son a pegada arqueolóxica máis relevante, pero escasa, do fenómeno da gandería extensiva tradicional no monte. A tipoloxía dos Chozos do Alén é única en Galicia, polas reducidas dimensións de cada un, e o seu gran número e concentración son pouco usuais. Os chozos están acompañados dun foxo de lobo dobre único en Galicia, conformando unha completa paisaxe gandeira.
No caso da Illa de San Sadurniño, en Cambados, os traballos comezaron esta pasada semana e consisten en mapear parte das estruturas soterradas e datar a secuencia de ocupación da illa, o que implica estudar a totalidade do illote na busca de restos de elementos relacionados coa torre e un modelado 3D. En concreto, realizarase un levantamento topográfico de precisión con fotogrametría aérea con dron, prospección con detección remota, prospección xeofísica con gradiómetro, unha datación radiocarbónica de elementos recuperados en intervencións anteriores para afinar a cronoloxía do xacemento e obter máis información sobre a súa ocupación, e unha avaliación da potencialidade dos rexistros paleoambientais para estudar a liña de costa e o seu retroceso progresivo.
O coñecemento da historia da illa, e as resultas das sondaxes arqueolóxicas levadas a cabo recentemente, indican a presenza de estruturas correspondentes a varios momentos (a cronoloxía completa non está clara). A dúbida é a existencia dunha ocupación previa ao século XV, momento no que existe constancia documental do complexo e a torre cuxos restos son hoxe visibles.
Tamén neste mes de maio, a partir do 22, comezarán os traballos nas Torres de Oeste, en Catoira, co obxectivo de definir o espazo cercado arredor das fortificacións e comprobar se existen evidencias detectables de construcións. Na actualidade non hai certeza completa do alcance das ocupacións protohistóricas e antigas neste xacemento (os estudos amosan un hiato entre o século V e o século IX) nin a verdadeira complexidade da fortaleza medieval, polo que a intervención intentará esclarecer ambas as dúas cuestións. As accións consisten no levantamento topográfico, prospección con detección remota, prospección xeofísica con gradiómetro e avaliación da potencialidade dos rexistros paloambientais para estudar o perímetro da fortaleza e o espazo de marisma adxacente.
Ademais destes traballos, o equipo do INCIPIT-CSIC volverá aos xacementos no último cuadrimestre do ano para facer novas tomas de imaxes multiespectrais con dron, xa que dependendo da época do ano pódense chegar a ver elementos diferentes.
No marco do convenio entre a Deputación e o INCIPIT-CSIC, xunto aos Chozos do Alén, San Sadurniño e Torres de Oeste, entre 2023 e 2024 tamén se intervirá nos xacementos de Castrolandín (Cuntis), Garellas (Forcarei), Castro Alobre (Vilagarcía), Cano dos Mouros (Oia) e nos petróglifos de Gargamala (Mondariz). Todos eles foron escollidos entre as propostas que presentaron os propios concellos nunha convocatoria aberta e con concorrencia competitiva. Ademais tamén se estudarán materiais de intervencións recentes ou conservados en museos e restauraranse materiais das intervencións no Castro de Bendoiro (Lalín), co fin de organizar unha exposición no Pazo de Liñares para dar a coñecer pezas representativas dos asentamentos humanos fai dous milenios na comarca de Deza.