A Deputación concede máis de 74.000 € para restaurar nove embarcacións tradicionais do Salnés e destinalas a promocionar a cultura mariñeira

A comarca foi a máis beneficiada en toda a provincia da liña de axudas para a recuperación do Patrimonio Marítimo Fluvial

31/08/2022

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Patrimonio, vén de conceder máis de 74.000 euros en axudas para restaurar nove embarcacións de asociacións do Salnés que se destinarán á promoción da cultura mariñeira. A comarca foi a máis beneficiada da liña de subvencións para a Recuperación e posta en Valor do Patrimonio Marítimo Fluvial en toda a provincia, tanto termos económicos como en número de entidades beneficiarias.

A deputada responsable da área, María Ortega subliña que o interese pola recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo fluvial e polas axudas foi crecente dende a creación destas. Destacou  que no 2020 –ano no que se puxeron en marcha- as subvencións chegaron  a 14 colectivos e repartiron algo máis de 100.000 euros, mentres que en 2021 chegaron a 16 asociación e repartiron uns 128.000 euros. Neste ano, no total da provincia a liña de axudas deu financiamento a colectivos, principalmente localizados no Salnés (9), pero tamén en Pontevedra (2), Baixo Miño (1), Morrazo (2), Deza (2) e Vigo (5).

Por concellos, Cambados recibiu achegas para tres colectivos, o Clube Mariño Salnés Asociación Deportiva’, que recibiu 9.365.02 euros para a restauración integral da dorna polbeira ‘Águila tres’; a Asociación Cultural e deportiva Vela Tradicional Cambados recibiu 1.277,76 euros para a mellora dunha vela de relinga para a dorna polbeira ‘A Julicheira’; e a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais A Torre recibiu 743,69 euros para a recuperación da embarcación ‘Rabandeira’.

No Concello do Grove, a Asociación Amigos da Dorna Meca recibiu 10.590,88 euros para a instalación dun motor interno na embarcación tradicional ‘Raku’, xa beneficiada por outras axudas anteriores da mesma liña. Dentro da Illa de Arousa foron tres os colectivos subvencionados: a Asociación Cultural e Deportiva ‘Fasquía’, con 10.473,32 euros para os traballos de mellora da dorna de tope ‘Lavanqueira’; a Asociación Cultural Caramuxo ingresou 10.075,91 euros para a rehabilitación da embarcación tradicional ‘Daniel’; e a Asociación Cultural da Illa de Arousa, 10.028,54 euros para a recuperación do barco ‘San Pedro’.

No caso de Sanxenxo, os Amigos da Dorna de Portonovo recibiron 11.594,91 euros para o proxecto de recuperación e mellora da dorna xeiteira ‘Jatiña’, e en Vilagarcía de Arousa, a Asociación Cultural e Deportiva Rompetimóns recibiu 10.183,36 euros para a recuperación e posta en valor da embarcación ‘Illa de Cortegada’.

Musealización e promoción sociocultural

Entre as actuacións que podían recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación; así como accesorios e equipamento das embarcacións que fosen de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…), sempre destinándose a actividades de promoción sociocultural ou musealización, encaixados na Liña 1 das subvencións.

Outras das actuacións subvencionadas (Liña 2) son as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural.

Tamén se fomentan axudas (Liña 3) para intervencións realizadas sobre construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais. Por primeira vez nesta edición presentáronse proxectos para esta terceira liña, sendo beneficiarias dúas entidades da comarca do Deza para a rehabilitación dun muíño e para a musealización dun espazo destinado ao Patrimonio marítimo fluvial en Lalín.

Galerias de imaxes