Silleda avanza na nova sede da Casa do Concello, que se converterá no epicentro urbano da vila cos recursos do Plan ReacPon da Deputación

A presidenta, Carmela Silva, e o alcalde, Manuel Cuíña, que visitaron as obras, subliñaron a excelencia “dunha actuación transformadora que redefinirá o centro urbano de Silleda”

18/03/2023

ReacPon Silleda

As obras de rehabilitación do edificio da Casa da Cultura como a nova sede do Concello de Silleda, que van converter este inmoble no epicentro urbano da vila, seguen a avanzar a bo ritmo como puideron comprobar nunha visita a presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde Manuel Cuiña. Esta ambiciosa actuación, que ademais de poñer en valor un edificio moi vinculado ao patrimonio arquitectónico supón unha aposta por ofrecer á veciñanza uns servizos públicos de calidade dende unha céntrica situación, conta cun orzamento total de 1.802.984€, dos que a Deputación achega 713.250€ do Plan ReacPon.

Os traballos, que neste momento están executados a un 50%, van supoñer un novo paso na remodelación urbana de Silleda, situando a Casa do Concello na rúa Progreso e cun acceso traseiro pola rúa Morón. Amais, unificarase a todo o persoal baixo o mesmo teito, acabando deste xeito coa dispersión en distintas oficinas situadas por todo o pobo. Como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, o Plan ReacPon vai facilitar a Silleda “dispoñer dunha Casa do Concello do século XXI, que cumpre con todas as normativas actuais e que reforza o modelo urbano deste pobo, que está a avanzar nunha extraordinaria transformación nestes últimos anos; non hai quen recoñeza Silleda”. “Este sen dúbida é un dos proxectos estrela que se presentaron ao plan –subliñou-, unha obra realmente transformadora, un edificio emblemático e accesible coa que a veciñanza poderá desfrutar dun servizo de calidade nun inmoble en condicións e que segue na liña de grandes avances que está a impulsar este Concello, un exemplo de gobernanza”. Carmela Silva quixo destacar tamén o feito de que a decisión de acometer esta obra partira dun referendo popular, “nun exercicio encomiable de democracia participativa”

Para o alcalde, Manuel Cuiña, esta actuación vai supoñer “a redefinición do centro urbano de Silleda” e constitúe unha obra “importantísima para a veciñanza”, pois vai solucionar os problemas que supoñía ter a sede municipal nun edificio situado “nunha curva da N-525”, condicionado por unhas escaleiras e sen facilidades de acceso e aparcamento para a cidadanía. Tamén permitirá unificar a todo o persoal, “acabando coas peregrinacións administrativas que tiñan que realizar veciños e veciñas”. Cuiña quixo destacar así mesmo o feito de que Silleda está “a facer unha transformación importantísima nos últimos anos que non podería ser sen a axuda da Deputación”.

O proxecto

O novo Concello terá no andar baixo o punto de atención cidadá, o Rexistro, a Policía Local e o Xulgado de Paz. No segundo andar estarán as dependencias de Alcaldía, Intervención, Secretaría e oficinas xerais. Na última planta estará o Salón de Plenos e un Auditorio de 100 butacas para a celebración de actos. Este último andar foi completamente derrubado ao tratarse dun engadido realizado durante a reforma realizada cunha Escola Obradoiro. A maiores as obras inclúen un edificio apegado na zona traseira, con dous andares, para acoller varios servizos municipais. Alí crearase tamén un gran patio exterior con zona axardinada. A sostibilidade chega da man da utilización de tecnoloxías de baixo consumo e a incorporación do inmoble á Rede de Calor de Silleda, a primeira público-privada destas características que se executa en Galicia.

Silleda dá con esta ambiciosa actuación unha nova vida ao edificio que ata hai 40 anos acolleu o cuartel da Garda Civil e que nos últimos anos foi sede da Casa da Cultura e da Biblioteca municipal. A Casa da Cultura pasará, unha vez rematen as obras, á antiga Casa do Concello, mantendo así a utilidade pública de dous edificios que forman parte do patrimonio arquitectónico da vila.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.