A Deputación aproba outros 2,8 millóns de euros para once municipios da man do Plan Concellos
As achegas chegarán ás comarcas do Deza, Pontevedra, O Salnés, O Morrazo e Vigo e servirán para a mellora de camiños, saneamentos ou unha humanización
01/04/2022
A Deputación revalida o seu compromiso cos municipios da provincia coa aprobación, na Xunta de Goberno, de 2.851.477 euros da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos que chegarán a Silleda, Cambados, Pontecesures, Caldas de Reis, Portas, Barro, Moraña, Bueu, Redondela, O Porriño e Salceda de Caselas. Estes fondos provinciais permitirán a realización actuacións tan variadas como melloras nos camiños rurais ou parques infantís, saneamentos, unha humanización ou a adquisición de maquinaria.
Para O Salnés foron aprobadas achegas para Cambados, 371.448 euros para a mellora de camiños rurais, e Pontecesures, 72.027 euros que servirán para mellorar o parque infantil de Carreiras. Tamén se lle deu luz verde a recursos para a comarca de Pontevedra con 81.298 € para que Portas realice o saneamento de augas residuais en Piñeiro e Currás, 77.309 euros para que Barro mellore o viario no lugar de Mane de Arriba e 107.894 euros para que Moraña pavimente camiños municipais. Do mesmo xeito, tamén se aprobaron dúas achegas para Caldas que suman 295.922€, unha partida de 95.025 para a subministración dun vehículo 4x4 con cesta elevadora para o alumeado público e 200.897 euros cos que se ampliará a rede de saneamento no tramo O Pazo – Santa María. Á comarca do Deza chegarán 1.248.132€ cos que Silleda asfaltará 14 camiños municipais
A Xunta de Goberno tamén aprobou recursos para O Morrazo cunha achega de 159.342 euros para que Bueu adquira unha parcela para uso como estacionamento e servizo de caravanas e autocaravanas. Ademais, á comarca de Vigo chegarán 212.313 euros para que Redondela financie a achega municipal ao ReacPon do proxecto de humanización da rúa Picota, Praza da Fonte do Mouro e contorna da Capela de Santa Mariña. Deste xeito a Deputación financia o total da actuación que ten un orzamento de 849.254 euros. Tamén foron aprobados 165.292 euros destinados á mellora do asfaltado e do saneamento en catro viarios municipais do Porriño e 60.500 euros para elaborar a cartografía SIG, ortofoto dixital e rede topográfica de Salceda de Caselas.