A Deputación recibe outros 400.000 euros de fondos europeos para instalar puntos de recarga para vehículos eléctricos en 9 dos seus edificios

A achega, enmarcada no Programa estatal de incentivos ligados á mobilidade eléctrica “MOVES III”, supón o 73% do total dos 539.805 euros de investimento previsto

31/05/2023

A Deputación de Pontevedra vén de recibir a confirmación dunha nova achega europea de 395.348 euros do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) que, a través do Programa estatal de incentivos ligados á mobilidade eléctrica “MOVES III”, financiado con fondos Next GenerationEU, permitirá instalar un total de 35 puntos de recarga para vehículos eléctricos en nove edificios da institución provincial. A axuda supón o 73% dos 539.805 euros de investimento previsto, de tal maneira que a Deputación só terá que aportar os 144.458 euros restantes para desenvolver o proxecto.

En total, instalaranse seis prazas de recarga de vehículo eléctrico na Cidade Infantil Príncipe Felipe; unha praza no Museo de Pontevedra, catro prazas na Estación Fitopatolóxica Areeiro e outras tantas no Viveiro de Barro; dúas no Viveiro de Lalín e outras dúas na Sede de Vigo; 8 prazas no Parque de Maquinaria de Barro e catro tanto no Castelo de Soutomaior como na Finca Mouriscade. Segundo o espazo, instalaranse puntos de recarga rápida, de 50 kW de potencia, ou semirrápida, de 22 kW.

No caso da Cidade Infantil Príncipe Felipe, as obras contan cun orzamento de 69.744 €, dos que 48.821 están subvencionados; no Museo de Pontevedra de 11.571 € (subvención 8.099 €), na Estación Fitopatolóxica Areeiro de 62.611 € (subvención: 43.827 €); no Viveiro de Barro de 38.835 € (subvención: 31.068 €); no Viveiro de Lalín de 14.107 € (subvención 9.875 €); no Parque de Maquinaria de Barro de 136.001 € (subvención 108.801 €); na Sede Vigo de 137.190 € (subvención 95.200 €); no Castelo de Soutomaior de 34.872 € (subvención 24.410 €), e na Finca Mouriscade de 34.872 euros (subvención 24.410 €).