Premios #FotoÁgora para as imaxes que amosan que as persoas deben ser as “propietarias” do espazo público

Unha orixinal gala na fachada accesible do Pazo Provincial fixo entrega dos 32 galardóns que sumaron 40.000 euros

28/04/2022

Premios FotoÁgora

O I Certame de fotografía sobre o espazo público da Deputación, #FotoÁgora, repartiu hoxe os seus 32 galardóns premiando imaxes simbólicas e de grande forza que amosan que as persoas deben ser as “propietarias” ou principais destinatarias do espazo público para mellorar a súa calidade de vida.

Os recoñecementos –que alcanzan os 40.000 euros- entregáronse nunha gala de grande orixinalidade que se desenvolveu no espazo ao aire libre na fachada do Pazo Provincial que dá ao Parque das Palmeiras, onde está situada a rampla de acceso para persoas con diversidade funcional, por ser un lugar accesible para todas as persoas asistentes. Alí recreouse un ‘salón de estar’ dunha casa nunha metáfora: que as rúas e prazas das vilas e cidades deben ser o lugar no que a cidadanía se sinta máis cómoda.

Todo os galardóns recaeron en 17 participantes, de diferentes concellos  da provincia (Vilagarcía, Pontevedra, Vilanova, O Grove, Ponte Caldelas, Moaña, e Marín), salvo un que chegou a un veciño de A Coruña e outro que marchou para Madrid. Os espazos fotografados  -tal como se recollía nas bases- son todos tamén de ámbito provincial, destacando en número ubicacións as comarcas do Salnés (Vilagarcía, Vilanova, Cambados) , Pontevedra (Pontevedra, Barro e Poio) e Caldas (Valga, Catoira e Portas), pero tamén incluíndo outras de concellos como Mondariz ou Moaña.

O xurado explicou que as imaxes premiadas recolleron perfectamente todos e cada un dos dez Principios da Rede Ágora de maneira visual e atractiva, facendo que as mensaxes que defende a Deputación de recuperar os espazos públicos públicos para as persoas fronte aos vehículos sexan claramente identificadas por calquera que as vexa.

O primeiro premio foi para Víctor Manuel Lorenzo Santiago, un entusiasta da fotografía do Concello de Marín. A súa peza ten o título de ‘Síntome un máis’ foi feita na praia do Bao, na Illa de Arousa, amosando unha persoa en cadeira de rodas diante dunha bicicleta, circulando nunha zona accesible para persoas con dificultades de mobilidade.

Esta imaxe foi presentada dentro da categoría de ‘Mobilidade inclusiva’, un dos principios Ágora que segundo o deputado Uxío Benítez defende que o espazo público é un dereito xa que é o único que é de todas e todos, sen distinción de raza, sexo, idade, condición social, capacidade física ou psíquica. O nacionalista subliñou que é obriga dos gobernos garantir a accesibilidade universal, promovendo espazos públicos como elementos de equidade e inclusión social, atendendo de maneira prioritaria as necesidades dos colectivos máis vulnerables: nenas e nenos, persoas maiores e persoas con diversidade funcional.

O segundo premio foi para Francisco Javier Arcenillas Pérez, fotógrafo e editor, titulado en Cinematografía e Realización na escola de Cine da Comunidade de Madrid e profesor de fotografía documental da Escuela PICA. No seu currículo están os máis importantes premios internacionais, como ArtsPressAward, KODAK Joung Photographer, European Social Fund Grant, EuroPress, FotoPress, Photographer of the year in Moscow Photo Award, Eugene Smith Grant, GettyImages Grant, Lucas Dolega e World Press Photo. No ano 2013 entrou no diccionario de fotógrafos españois e pódense ver reportaxes da súa autoría en publicacións tan importantes como Time, Spiegel, Stern, Lens, GQ, L´Expresso, ou Sunday Times, entre outros.

Arcenillas trasladouse a Pontevedra dende Alcobendas (Madrid) para facer unha fotografía na Praza da Ferrería na que amosa a unha nena pequena xogando soa entre ducias de pombas. A imaxe foi presentada na categoría ‘As persoas primeiro’, que defende que é preciso devolverlle ás persoas un espazo público no que desenvolver unha socialización axeitada. Por ter sufrido un accidente que o impediu estar en Pontevedra, agradeceu o seu premio por videoconferencia amosándose moi satisfeito polo galardón.

Premios Principios Ágora

No caso dos Principios Ágora, entregados polo deputado Uxío Benítez, os premios foron para a imaxe  “O espazo público é un dereito”, na categoría homónima, do autor Iago Manoel Souto Lorenzo, do concello de Ponte Caldelas, que reflexa unha vista do paseo de Vilagarcía de Arousa cheo de xente gozando do paseo. O deputado Uxío Benítez salientou que a fotografía recolle perfectamente a idea de que o espazo público debe ser utilizado polas persoas igual que estas teñen dereito á sanidade e educación para desenvolver a súa vida e as súas relacións sociais con seguridade.

O principio “As persoas primeiro” foi para Mónica Vila Ferreiros, de Vilanova de Arousa, cunha imaxe a vista de dron da Praza de Fefiñáns de Cambados, na que unha persoa está tumbada no empedrado gozando dun espazo que antes era para a circulación de vehículos. Tamén é para esta autora o premio do principio “Mobilidades alternativas”, unha imaxe que amosa a utilización da bicicleta como vía de transporte saudable, e o premio ‘Espazos amables e de calidade’, cunha fotografía tomada no Paseo de Vilaxoán (Vilagarcía) na que se ve un paseo que ten un gran espazo para a circulación peonil e tamén un carril bici.

“A movilidade inclusiva” é o premio que gañou  Rosi Pardal Aragunde, do concello de Valga, cunha gran fotografía na que unha persoa en cadeira de rodas é empurrada por unha moza que vai en patíns nun carril bici. Tamén recibiu o galardón polo principio ‘Autonomía infantil’ coa imaxe ‘Pedra, papel, tesoira’ na que amosa a necesidade das crianzas de ter espazos públicos seguros, segundo destacou Uxío Benítez, quen subliñou que a presenza de nenos e nenas nas rúas das vilas da provincia é un indicador de que se trata de ambientes ben deseñados.

O principio “Espazos seguros” levou o premio a Héctor Rodríguez Del Oro, un fotógrafo afeccionado que na súa vida profesional desenvolve elementos de seguridade para contornas urbanas. A súa imaxe foi feita na Ponte do Burgo de Pontevedra baixo o título ‘Duplicidade’. Rodríguez tamén foi premiado na categoría de ‘Actividade económica e proximidade’, cunha imaxe de Mondariz, sobre a que o responsable provincial de Mobilidade subliñou que amosa a importancia da vida e o comercio na rúa, posible só cando os espazos se liberan de vehículos e se recuperan para as persoas, creando verdadeiros centros comerciais urbanos nas vías ao aire libre.

O galardón da categoría “Hábitat saúdable’ foi para Gaspar Antonio González Somoza, do Concello de Vilagarcía de Arousa coa imaxe con título ‘Punto de encontro’, na que se reflexa a idea de promover espazos amables e seguros e a necesidade de fomentar unha mobilidade activa.

Finalmente, o premio do principio ‘ Mobilidade sostible’ foi para Agustín Iglesias Otero, do concello de Lousame en A Coruña, pola imaxe ‘En familia, sobre rodas’ que capta a circulación por un paseo de dous adultos e dúas crianzas que utilizan a bicicleta en medio dunha contorna cun paseo adaptado e libre de vehículos.

A Deputación, axente do cambio

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que “este certame de fotografía reflicte como este novo modelo que estamos a desenvolver xa logrou a concienciación da xente porque todas as persoas que fixeron estas fotografías son verdadeiros axentes dese cambio”. “Todas e cada unha destas fotografías, dixo, son o reflexo dunha provincia que nos últimos sete anos viviu unha enorme transformación que mellorou a vida da xente, dun xeito particular a través da recuperación do espazo público”.

A presidenta fixo tamén fincapé na importancia que este feito ten tamén no eido da igualdade xa que “rachou cun modelo urbano masculinizado, pensado por e para eles, que resultaba hostil para as crianzas, as persoas dependentes ou con mobilidade reducida, todas elas ao coidado principalmente das mulleres”. Así, proseguiu Carmela Silva, “estas imaxes amosan a nosa provincia dende os ollos da veciñanza que son as e os verdadeiros donos do espazo público e ante quen as administracións temos a obriga de corrixir os erros do pasado, tomar decisións con valentía como estamos a facer e dedicar recursos para construír, a través de actuacións como as aquí amosadas, sociedades máis colectivas, xustas, igualitarias e, sobre todo, democráticas”.   

O vicepresidente César Mosquera, pola súa banda, destacou a forza coa que se está a impulsar na provincia a recuperación do espazo público grazas a unha iniciativa como a ‘Rede Ágora’, que nestes momentos consta de 54 concellos nos que se aposta por centrar os deseños urbanos nas persoas con moi diferentes actuacións. Mosquera sinalou a importancia de ter valentía política para levar adiante obras que inicialmente poden non ser ben recollidas pola cidadanía, aínda que destacou que a poboación en xeral está a demandar que se recupere espazo público cada vez máis. “Este modelo é imparable”, subliñou.

Pola súa banda, Uxío Benítez, subliñou que o premio de fotografía #FotoÁgora foi concibido dende o departamento de Mobilidade e Espazo Público para promover e difundir de maneira gráfica e amena a filosofía dos dez principios da Rede Ágora, baseados na filosofía de que os espazos públicos son un dereito das persoas, que deben ser o centro á hora de deseñar calquera actuación.

O galardón pretendeu valerse da fotografía urbana, unha disciplina que concibe as vilas e cidades como ecosistemas nos que o ser humano se relaciona entre si e coa contorna, para amosar como a cidadanía fai uso dos espazos públicos de calidade cando son recuperados fronte á invasión dos automóbiles. A convocatoria foi un total éxito e presentáronse 297 imaxes. 

O tribunal dos premios estivo formado pola presidenta da Deputación –e o deputado Uxío Benítez como suplente-, a xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens, a xefa do servizo de Arquitectura Carmen Gómez, o asesor en Mobilidade Jesús Fole, e Lucía Pazos –funcionaria do departamento de Mobilidade- como secretaria.

Cogami, protagonista do momento emotivo da gala

Un dos momentos máis emotivos da entrega de premios foi o peche da categoría dos accésit, xa que a última imaxe premiada tiña unha historia moi especial. Cando se lle informou dende a Deputación a persoa que figuraba como titular da imaxe, María Helena Cabral Alfonso, que era pouidora dun galardón ela mandou un mail no que explicaba que é a pedagoga do Centro de día para persoas con discapacidade de Cogami, en Monte Porreiro, “e que o premio non me corresponde, senón que “correspóndenos””.

Foi por iso que asegurou “non podo presentarme como unha premiada, xa que é un premio para un equipo informal de persoas as que eu representei. Para nós, a recompensa era participar, ao tempo que visibilizar ás persoas con discapacidade nestes premios que versan sobre a mobilidade inclusiva, participación e inclusión social. Se con isto que comento non fico excluida da gala, vou a atreverme a solicitarlles se poderiamos asistir as 10 persoas que traballamos nos premios”. No nome do centro recolleu o premio Gonzalo Garcia Rodriguez.

Ademais da gala que se celebrou onte, tamén se abriu ao público a exposición coas imaxes seleccionadas no vestíbulo do Pazo Provincial. Alí realizouse unha instalación efémera con caixas de cartón simulando un cubo negro, no que as propias persoas premiadas instalaron as imaxes gañadoras. Dende mañá a mostra variará o seu aspecto, que tamén mudará en función dos lugares aos que se traslade nos concellos Ágora da provincia.

No acto estiveron presentes representantes do Concello de Pontevedra (o alcalde Fernández Lores), doutros concellos da provincia, da Xunta, da Subdelegación do Goberno, do Parlamento Galego, da DXT, dos Colexios Oficiais de Enxeñería de Camiños, de varias consultoras, e tamén persoal técnico provincial e doutras institucións.

ACCÉSIT

  1. “LENTO PERO SEGURO”. Fotografía feita na avenida de Bos Aires en Pontevedra. VICTOR MANUEL LORENZO SANTIAGO, do concello de Marín
  2. “SENTIR A RÚA”. Fotografía feita na rúa Virxe do Camiño en Pontevedra.  IAGO MANOEL SOUTO LOURENZO do concello de Ponte Caldelas
  3. “COLLEMOS TODOS” Fotografía feita na rúa Valle Inclán de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa. MÓNICA VILA FERREIROS, do concello de Vilanova da Arousa
  4. “TARDE E PAPAVENTOS”, Fotografía feita en Catoira….ROSI PARDAL ARAGUNDE, do concello de Valga
  5. “COME COCOS” Fotografía feita na Avda da Mariña en Vilagarcía de Arousa. GASPAR ANTONIO GONZÁLEZ SOMOZA, do concello de Vilagarcía da Arousa
  6. “XOGOS DE CONTRALUZ”, do concello de Vilanova da Arousa en Catoira.ROSI PARDAL ARAGUNDE, do concello de Valga.
  7. “VOANDO A SANTA MARÍA”, Fotografía feita na Praza de Santa María en Pontevedra. ELÍAS GÓMEZ PÉREZ, do concello de Cambados.
  8. “NA RÚA SEMPRE FIXEMOS VIDA”, Fotografía feita na rúa San Roque de Combarro (Poio). IAGO MANOEL SOUTO LOURENZO , do concello de Ponte Caldelas.
  9. (Sen título- NON POÑER) Fotografía feita na rúa Montero Ríos con Marqués de Riestra en Pontevedra. GONZALO ARNEJO MEIJUEIRO, do concello de Madrid.
  10. ““ENTRE AZUIS”, Fotografía feita na ponte das correntes en PontevedraAGUSTÍN IGLESIAS OTERO, do concello de Lousame en A Coruña.
  11. “HORA DO PASEO” Fotografía feita na Avda de Bos Aires en Pontevedra. CRISTINA SAIZ ABELLEIRA, do concello de Pontevedra.
  12. “RELATIVISMO”, Fotografía feita na cancha de baloncesto de San Antoniño en Barro. HÉCTOR RODRÍGUEZ DEL ORO, do concello de Pontevedra.
  13. “Agora” Fotografía feita na praza da Independencia en Vilagarcía de Arousa. MARTINA OUBIÑA MISER, do concello de Cambados.
  14. “REENCONTROS”. AGUSTÍN IGLESIAS OTERO do concello de Lousame en A Coruña.
  15. “LA TELA QUE ATRAPA”, Fotografía feita na rúa Conde Vallellano en Vilagarcía de Arousa. IGNACIO CARLOS ABELLA DIEGUEZ,  do concello de Vilagarcía de Arousa.
  16. “RÚA DOMÉSTICA RURURBANA”, Fotografía feita en Moaña MARTÍN BARREIRO CRUZ, do concello de Moaña.
  17. Fotografía feita na praza de Abastos en Pontevedra. JOSÉ MANUEL DOMÍNGUEZ VENTÍN, do concello de Pontevedra.
  18. “CONTIGO”. Fotografía feita na Senda da Pedra da Auga en Meis AGUSTÍN IGLESIAS OTERO.
  19. “AVANZANDO SEN FUMES”, que é o título da nosa seguinte imaxe, tomada no espazo público do Porto Deportivo de Vilagarcía de Arousa. Pois avanzemos un pouquiño máis e coñezamos a identidade da súa autora: ANA GÓMEZ FERREIRA do concello do Grove.
  20. Fotografía feita na Praza da Peregrina en Pontevedra. As persoas autoras son as integrantes do Centro de día para persoas con discapacidade de Cogami en Monte Porreiro.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.