O vicepresidente Rafa Domínguez asiste á preestrea en Pontevedra da segunda parte da serie documental “Narcogallegos”
03/12/2024
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, asistiu este martes no Liceo Casino de Pontevedra á preestrea do primeiro capítulo da segunda parte da serie documental “Narcogallegos” dirixida polo xornalista Víctor Méndez. O acto está incluído no convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Pontevedra co fin de desenvolver actividades culturais, de lecer e de promoción da cidade, cunha dotación de máis de 130.000 euros.
O documental mostra na súa segunda temporada o panorama actual do crime organizado en España, dominado por organizacións cada vez máis violentas, o papel das Illas Canarias como centro loxístico das mafias e a cooperación dos corpos de seguridade de todos os países implicados para facerlles fronte. O primeiro episodio chegará á plataforma Movistar+ o próximo martes 10 de decembro.