O pleno da Deputación aproba por unanimidade reclamar ao Goberno unha aposta firme polo porto máis importante de Galicia para que acade canto antes a categoría de nodal
A moción, proposta polo grupo maioritario popular, contou con respaldo do grupo do BNG e do PSOE e inclúe un requirimento á Comisión Europea para incluír ao Porto de Vigo na Rede Transeuropea de Transportes (TEN – T)
28/03/2025
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres por unanimidade unha reclamación ao Goberno de España para que realice unha aposta firme, así como un requirimento á Comisión Europea, para a revisión inmediata da actualización do catálogo de Portos Nodais pertencentes á Rede Transeuropea de Transportes (TEN-T) realizada a finais do ano 2024 para reverter a exclusión do porto de Vigo. Ademais de dar luz verde a esta proposta, tamén saíu adiante outra moción do grupo popular para instar ao Ministerio de Transporte a mellorar a rede de estradas nacionais que atravesan a provincia e outra do grupo socialista para buscar financiación para rematar a residencia da asociación ACEESCA no Porriño. A sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de febreiro serviu para aprobar o proxecto de mellora da mobilidade peonil nun treito da EP-2202 entre Baiona e Loureza ao seu paso polo termo municipal de Oia, así como a prórroga do prazo de execución dos proxectos do programa PON2030 por un período de un ano.
O principal asunto da orde do día nesta sesión estivo relacionado co Porto de Vigo e a súa exclusión do catálogo de Portos Nodais pertencentes á Rede Transeuropea de Transportes (TEN-T). A petición do grupo popular, o pleno da Deputación acordou por unanimidade requirir á Comisión Europea unha revisión inmediata e urxente da actualización do catálogo de Portos Nodais para incluí ao porto de Vigo e que este enclave da cidade adquira esa categoría. Así mesmo, ínstase ao Goberno de España a intensificar as negociacións ante as institucións europeas para seguir reclamando a inclusión do Porto de Vigo na condición de infraestrutura nodal nesta rede e, ao mesmo tempo, esixen ao Ministerio de Transportes que aposte, nas posibles negociacións actuais ou nas que se poidan abrir nun futuro, polo Porto de Vigo para que adquira, no prazo máis breve posible, a categoría de nodal na Rede TEN-T.
“O Porto de Vigo é, tal e como revelan os datos, un dos máis importantes e prestixiosos de Europa, posto que é o primeiro de Galicia en contedores e mercadorías, líder europeo en pesca, un dos máis importantes en tráfico de vehículos e xera un volume de negocio anual de 19.300 millóns de euros entre exportacións e importacións, polo que supón unha infraestrutura chave para que Galicia medre de xeito constante e con moita potencia en vendas ao exterior ata situarse entre as comunidades máis exportadoras de España. Por elo, desde o PP Provincial consideramos incomprensible e inxusto que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible desbotara a candidatura viguesa para a súa designación como Porto Nodal da Rede Transeuropea de Transportes (TEN-T)”, argumentan os populares na moción.
Neste mesmo pleno, aprobouse por unanimidade a proposta do grupo socialista para buscar a financiación precisa para rematar a residencia da asociación Aceesca do Porriño e tamén, cos votos favorables do grupo popular e dos deputados do BNG, outra proposta dirixida ao Ministerio de Transportes para a mellora das once estradas nacionais que atravesan a provincia de Pontevedra. Nesta mesma proposta que xa fora debatida anteriormente neste mesmo foro, os populares reiteran a petición ao Goberno central para a elaboración dun proxecto integral cun cronograma urxente e coa reserva do orzamento suficiente para acometer a mellora, reforma e modernización destas once estradas, especialmente no que atinxe ao estado do firme e da plataforma, para corrixir o seu mal estado e favorecer a mobilidade e a seguridade viaria dos usuarios das mesmas. Pola contra, foron rexeitadas as propostas do grupo socialista para esixir á Xunta investimentos públicos equitativos en todos os concellos da provincia e a demanda do BNG para pedir á Xunta a creación dunha Valedoría de Igualdade nin máis investimentos do ente provincial neste eido.
Prórroga do PON2030
En cambio, si que obtiveron un apoio unánime os puntos da orde do día relacionados coa aprobación inicial do proxectos construtivo para a mellora da mobilidade peonil nun treito de 170 metros da EP-2202 entre Baiona e Loureza valorada en preto de 165.500 euros, así como a prórroga do prazo de execución e xustificación dos investimentos acollidos ao programa PON2030. Neste punto, o goberno provincial tomou esta determinación para atender as demandas dos concellos da provincia que están a sufrir dificultades para rematar as obras no prazo establecido. Para garantir o cumprimento dos proxectos, o prazo para rematar os traballos amplíase case un ano, ata o 31 de marzo do 2026.
O pleno serviu tamén para sacar adiante outros asuntos como a autorización ás empresas adxudicatarias do servizo de conservación integral da rede de estradas provinciais poidan empregar as instalacións dos parques de maquinaria de Codeseda, no caso do Lote 1; e de Gondomar e Ponteareas, no caso do Lote 3. Así mesmo, deuse luz verde á prórroga do contrato de limpeza dos centros da Deputación mentres se tramita a adxudicación do novo contrato, a delegación de facultades- do Concello de Vila de Cruces na Deputación para a recadación voluntaria e executiva e a instrución do procedemento sancionador por infraccións de tráfico e, finalmente, a solicitude dunha empregada da Deputación para o exercicio dunha segunda actividade no sector privado.