O vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez presenta “Memorias dun proscrito”, un libro no que Coto Chan da conta do calvario vivido tralo estalido da Guerra Civil
11/06/2024
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de presentar “Memorias dun proscrito”, un libro coordinado por Xoan Carlos Garrido no que se inclúe o calvario vivido por Coto Chan tralo estalido da Guerra Civil, cando tivo que escapar aos montes de Terra de Montes durante máis de dous anos. A publicación recompila textos históricos elaborados por Marcos Borrageros, unha recreación da vida de Manuel Coto a cargo de David Otero e un texto de Adrián Coto, bisneto do protagonista do volume, que estivo tamén presente no acto de presentación do libro.
“Non é doado ler as “Memorias dun proscrito” de Manuel Coto Chan –asegurou o vicepresidente-, porque achegarse a este texto é obter un testemuño directo, en primeira persoa, dos horrores dunha guerra e das vidas obrigadas a manterse na sombra”. Sen embargo Domínguez remarcou a importancia de “manter vivo” este legado “para contribuír a que os episodios máis negros da nosa historia recente non caian no esquecemento”.