O Plan ReacPon transformará a biblioteca municipal Torrente Ballester de Bueu

Carmela Silva e Félix Juncal asinaron o convenio de preto de 920.000 euros que dotará á vila dunha dotación “para o coñecemento e a cultura” do século XXI

15/02/2022

Firma ReacPon Bueu  

O modelo implantado por esta nova deputación xa non ten volta atrás, non vai haber posibilidade que os concellos permitamos que volva a ser o que foi no pasado. Empoderáronnos e temos o deber de protexer e defender algo que sentimos xa como propio”. Con estas palabras agradeceu Félix Juncal, alcalde de Bueu, á Deputación de Pontevedra o traballo levado a cabo nos últimos sete anos con proxectos como o Plan ReacPon, no que se enmarca a reforma e ampliación da biblioteca municipal Torrente Ballester. Fíxoo durante a sinatura do convenio coa presidenta provincial, Carmela Silva, quen ante a mirada de César Mosquera, vicepresidente, plasmou a súa rúbrica no documento. A actuación ten un ambicioso orzamento de case 917.000 euros dos que a Deputación aportará preto de 687.500 euros e o concello do Morrazo sufragará os 229.000 restantes.

A presidenta Carmela Silva, amosouse especialmente satisfeita de que o proxecto elixido por Bueu fose a rehabilitación dunha biblioteca xa que é nelas “onde reside o coñecemento” e asegurou que “facer que a cultura sexa a prioridade marca a diferencia”. Deste xeito, puxo o aceno no feito de que a biblioteca se vaia a converter nun “un lugar de encontro que garanta o dereito ao coñecemento no que toda a veciñanza de todas as idades poida ter un espazo para achegarse á cultura”. A presidenta referiuse ao proxecto como “unha obra moi potente” e puxo en valor a súa vinculación coas “necesidades funcionais e medioambientais” entre as que destacou as medidas para que haxa un uso sostible de emprego da auga ou a accesibilidade “que non se contemplaba nos edificios coma este, de máis de 30 anos”.

A presidenta provincial enfatizou que “os concellos desta provincia son eficientes, eficaces, teñen proxectos maduros e son capaces de facer fronte a inversións extraordinarias coma esta cumprindo unhas bases e uns prazos moi esixentes”. Co plan Reacciona Pontevedra a Deputación opta polas “políticas expansivas para facer fronte ás consecuencias da crise actual” ao igual que o fan a Unión Europea e o goberno do Estado. Ademais, este plan “pretende que os concellos poidan ter recursos extraordinarios para poder facer fronte aos seus grandes proxectos” ao igual que se fixo anteriormente cos plans Reequilibrio e DepoRemse.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, asegurou que “este é un deses proxectos cos que soñábamos e víamos que nunca estaban ao noso alcance”. Así, o plan ReacPon supuxo para Bueu “unha oportunidade moi importante para nós que non estamos dispostos/as a desaproveitar”. Neste senso, o alcalde asegurou que “estamos case no albor de poder arrancar co expediente de contratación” que solucionará, entre outras cousas, “problemas técnicos e de accesibilidade importantes” con medidas como “sistemas de aforro enerxético moi innovadores”. Félix Juncal tamén puxo en valor o “modelo de cogobernanza” da Deputación que fixo que esta se convertera “nun espazo destinado a que os concellos foran os protagonistas xa que -lembrou- durante moitos anos non eramos os protagonistas nin das decisións nin dos programas que se xestionaban e dirixían dende a propia Deputación e que a día de hoxe están abertos á participación e tamén a toma de decisión por parte dos concellos”.

O vicepresidente César Mosquera deu os parabéns ao alcalde de Bueu por realizar unha actuación de calidade para a nova biblioteca -cun grande investimento- deixando atrás as épocas de tirar para adiante.  “O tempo da chapuza demostrou que o barato é problemático e máis caro”, dixo, lembrando que a propia instalación debe refacerse enteira a pesares de ser unha obra de apenas 30-40 anos. Mosquera asegurou que a Deputación, ao poñer en marcha o ReacPON , buscaba premiar aos concellos valentes pedindo que os proxectos fosen financiables con fondos europeos, reactivar actividade económica e, sobre todo, permitir que alcaldes e alcaldesas cumprisen soños e ideas que cos seus recursos ordinarios non podían afrontar.  “Esta é unha oportunidade para botar adiante proxectos de gran calibre. Estamos moi satisfeitos por facer o esforzo económico, porque non hai maior satisfacción que ver que se poidan cumprir esas arelas. (...)  Agardemos que en poucos meses ou un ano Bueu poida ter a súa biblioteca e completar a súa rede de equipamentos, que os merece”, finalizou.

Unha biblioteca transformada

A biblioteca municipal Torrente Ballester será unha biblioteca do século XXI na que se fará unha aposta pola sostibilidade, a dixitalización, o acceso á información e a accesibilidade. Deste xeito, adaptarase o edificio -construído hai máis de 30 anos- ás novas necesidades funcionais e medioambientais deste tipo de equipamentos. Esta adaptación levarase a cabo co reforzo estrutural dende a cimentación co que se garante a seguridade poñendo fin, entre outras cuestións, ás fendas que actualmente se presentan nalgúns tabiques. Ademais, realizarase unha mellora da eficiencia enerxéctica, con novo illamento en toda a envolvente ou o aproveitamento da enerxía solar fotovoltáica. A biblioteca tamén verá mellorada a accesibilidade coa instalación dun ascensor e a creación de ramplas en todos os accesos do edificio e contará con novos espazos nos que se realizarán charlas ou obradoiros. Do mesmo xeito, o proxecto contempla a adaptación das instalacións ás novas necesidades do edificio.

videos