Nigran transformará co ReacPon a rúa Otero Pedrayo, a antiga estrada autonómica “30 anos abandonada”, nun grande espazo amable de conexión con Panxón

Carmela Silva: “O alcalde, nunha decisión de gran calado político, optou por pedir a transferencia desa vía, porque estaba nunha situación intolerable”

04/02/2022

Firma do convenio ReacPon co alcalde de Nigrán
 

A rúa Otero Pedrayo, o tramo de 1,6 Km da antiga estrada autonómica que une as tamén estradas autonómicas PO-325 coa PO-552 e que comunica o centro de Nigrán con Panxón, converterase nun espazo amable, humanizado e á medida das persoas dentro dun ano. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde miñorano, Juan González, asinaron o convenio, encadrado no plan provincial Reacciona Pontevedra (ReacPon), que vai permitir a execución das obras cun orzamento total de 1.592.115€. A Deputación achegará 905.214 euros e o Concello os restantes 686.900 euros.

Aténdese así desde a Deputación o que Carmela Silva definiu como “unha demanda histórica”  desatendida durante 30 anos pola Xunta de Galicia, a anterior titular desta vía. O Concello nigranés, farto da situación, acabou optando por pedir a transferencia ao patrimonio municipal, que conseguiu en xullo de 2020, diante da constatación de que non habería investimentos autonómicos. A presidenta provincial cualificou o acto de recibir unha estrada calamitosa como “unha decisión de gran calado político, de alta calidade, porque estaba nunha situación intolerable e non reunía condicións para que a xente gozara dela”. Engadiu que, ao dar este paso, o alcalde demostrou a súa talla: “isto é ser un gran político”, resumiu.

Un proxecto “en feminino”

Cualificou Carmela Silva este proxecto como “marabilloso, tanto polo seu contido como por ter cumprido escrupulosamente as esixentes bases do ReacPon”. Puxo especialmente en valor o seu acento feminino, ao contar con dúas enxeñeiras redactoras e a dirección da enxeñeira municipal. Aplaudiu ademais que abranga a totalidade da vía, que inclúa a creación de zonas verdes e a renovación de todos os servizos de abastecemento e saneamento, así como de telefonía, electricidade e unha nova rede de iluminación led, apostando así pola eficiencia enerxética e a durabilidade “no que non se ve, pero é igualmente importante”. A presidenta aplaudiu a transformación de Nigrán, “contribuíndo de xeito importante a converter esta provincia nunha referencia” dentro do mapa das políticas públicas españolas. Así destacou os investimentos que se realizan a través do Plan Concellos, como a recuperación do patrimonio etnográfico e, moi especialmente, a nova Biblioteca de Nigrán, financiada co Plan de Reequilibrio da Deputación. Cualificou este novo equipamento como “un dos espazos máis fermosos da cultura na nosa provincia”. “A Nigrán”, remarcou, “non hai que o recoñeza dende que Juan é alcalde”.

O alcalde lembrou que a rúa Otero Pedrayo tiña as peores beiravías e servizos da rede autonómica de estradas en toda a provincia e, tras moitos anos sen que a Xunta respondera as peticións municipais e veciñais, optou por asumila. “Decidimos pedila e que xa nos arranxariamos nós; o obxectivo era ir por fases de ata 8 ou 10 anos ata que apareceu un plan tan especial como o ReacPon, que nos permitiu encargar un proxecto integral, máis ambicioso, e acometelo; así que agora agardamos inaugurala dentro dun ano, nun día en que a xente de Nigrán é un pouco máis feliz”. Concluíu que a rúa Otero Pedrayo será un modelo de como se conectan dous núcleos de poboación da importancia de Nigrán e Panxón.

“A presidenta deixa un legado que cambia a historia da Deputación”

O acto converteuse tamén nun acto reivindicativo da igualdade de trato entre concellos por parte da Xunta de Galicia. González laiouse de que ve, a diario, “a infinidade de concellos asinando convenios cos altos cargos autonómicos, pero a nós nunca nos tocou; e, mentres tanto, vexo á presidenta da Deputación asinando con tódolos alcaldes de tódalas cores políticas e síntome tremendamente orgulloso. Esta é a forma leal de facer política. A presidenta deixa un legado que cambia a historia da Deputación”. Carmela Silva agradeceu o recoñecemento e reivindicou que a Administración provincial non é patrimonio de quen goberna, senón que debe ser unha institución na que as decisións se adoptan sempre por criterios obxectivos. A política non pode ser investir só nos concellos da túa cor política. Hai que dicirlle á xente que hai boas prácticas”, remachou.

A nova rúa de Otero Pedrayo incorporará unha zona verde de 450 metros cadrados nunha parcela municipal para ofrecer á veciñanza unha zona de lecer e beirarrúas cun ancho mínimo de 1,80 metros utilizando cantos de pedra e formigón pulido. Ademais da substitución completa de todos os servizos soterrados e aéreos disporanse masas vexetais e mobiliario urbano (10 papeleiras e 10 bancos). A calzada pasará a contar con carrís de circulación, en ambos sentidos, de 3 metros de ancho e con zonas de aparcamento laterais. A permeabilidade peonil garantirase, ademais, con pasos de peóns sobreelevados.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 17 resultados.