O Pazo provincial da Deputación punto de encontro da creación audiovisual galega

A xornada Conecta +, organizada pola institución provincial e CREA, reunirá a creadores e creadoras con proxectos en fase de desenvolvemento cunha quincena de produtoras

17/01/2023

Punto de encontro da creación audiovisual galega

O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra converterase este sábado, 21 de xaneiro, no punto de encontro do audiovisual galego grazas á xornada Conecta +, que desenvolven conxuntamente a institución provincial e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA). Trátase dunha xornada de networking na que creadoras e creadores audiovisuais que conten con proxectos en desenvolvemento terán a posibilidade de reunirse con profesionais de preto dunha quincena de produtoras galegas e do conxunto do Estado, que poidan estar interesadas nos seus proxectos. Desta maneira, promóvese a construción de equipos que combinen talento e capacidade de execución.

Conecta + vai dirixido a un amplo abano de profesionais do audiovisual, tanto creadores e creadoras, como directores e directoras e guionistas de cine e televisión que están elaborando proxectos de cinema e televisión, como produtores e produtoras profesionais especializados na posta en marcha de produtos audiovisuais, interesados en atopar novos proxectos e profesionais cos que acudir conxuntamente ao mercado. As e os primeiros poderán presentar os seus proxectos a produtoras coas que poderán establecer unha colaboración profesional ou, polo menos, recibir opinións e orientacións que poidan axudarlles a reflexionar sobre o mesmo e contribuír a fortalecelo.  No caso das produtoras, terán a oportunidade de coñecer proxectos e novas creadoras e creadores cos que poderán chegar a establecer relacións profesionais.

Desta maneira, ao longo da mañá haberá reunións individuais entre creadores/as e produtoras/es, mentres que pola tarde, a partir das 17.00 horas, o Salón de Plenos acollerá o coloquio “O papel de creadores/as no proceso de financiación”, que estará aberto ao público xeral e para o que é necesario confirmar asistencia a través do correo electrónico participa.cultura@depo.es. Correrá a cargo de Silvia Lobo, consultora en distribución, ventas e deseño de audiencias, programadora de WIP-MAFIX no Festival de Málaga, e Manuel Monzón, produtor executivo e fundador de Monzón Films e colaborador en Contracorriente Films, Globomedia Group ou Nostromo Pictures, entre outros.

A xornada permitirá tamén escoller o sexto dos proxectos que participarán no Laboratorio Cultural Conecta Lab no que, a través de asesorías de guión e dirección que serán impartidas por profesionais de gran prestixio no sector, preténdese impulsar e acompañar o proceso de creación, escritura e desenvolvemento de longametraxes e series, un proceso que culminará coas “residencias” que terán lugar na Illa de San Simón ao longo do mes de abril de 2023. Estes primeiros encontros serán online e terán como obxectivo a preparación dos proxectos, así como a personalización da formación posterior. De esta maneira, o proxecto que elixa o xurado, formado pola directora Ángeles Huerta, o director Álvaro Gago, o guionista Enrique Lojo, e as produtoras participantes na xornada, unirase aos de Iria Sobrado, Alexandre Cancelo, Nacho Ozores, Irene Pin e Lidia Fraga e Jacobo Díaz, seleccionados xa a finais de 2022.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.