O Museo de Pontevedra publica un amplo estudo sobre os exvotos e a relixiosidade popular en Galicia

O exsecretario técnico da institución, José Fuentes Alende, é o autor deste libro en dous volumes, que se presenta este venres ás 19:00 h no Edificio Castelao

18/06/2024

O Museo de Pontevedra publica un amplo estudo sobre os exvotos e a relixiosidade popular en Galicia

O Museo de Pontevedra presentará este venres unha nova publicación: ‘Los exvotos en Galicia. Su significación en la religiosidad popular’. Trátase dun exhaustivo estudo en dous volumes asinado por José Fuentes Alende, que foi secretario técnico da institución e leva catro décadas investigando este fenómeno característico da etnografía galega. A presentación será o 21 de xuño, ás 19:00 h, no Edificio Castelao.

Este traballo é resultado do fondo coñecemento do autor sobre o tema, sobre o que iniciou as súas investigacións hai xa 37 anos. O primeiro volume introduce as características da relixiosidade popular en Galicia, con atención especial ás peregrinacións e os santuarios. Logo afonda nos exvotos, coas súas características xerais e coa exposición das diferentes tipoloxías: de cera, de madeira, metálicos, maquetas de barco, cadros votivos etc. O segundo volume céntrase na análise en detalle dos cadros votivos existentes en igrexas e santuarios das catro provincias galegas. Pecha o estudo unha extensa biografía sobre a materia.

A investigación de Fuentes Alende sobre este fenómeno cultural iniciouse en 1987, cando o Museo de Pontevedra, xunto a outras institucións francesas comezou a traballar na organización dunha exposición sobre exvotos relacionados co mundo mariñeiro. A mostra expúxose por vez primeira en Brest (Francia) e chegou en 1988 a Pontevedra con José Fuentes como comisario. Nese proceso o autor comezou a investigar sobre estes obxectos que se ofrecen á divindade para pedir a súa intermediación.

O resultado do traballo de pescuda iniciado entón é este estudo sobre exvotos de diferentes tipos en Galicia, que teñen paralelismo en parte de Europa e América. Trátase dunha publicación de referencia, que sitúa historicamente os exvotos, así como os seus antecedentes, e analiza a súa existencia noutras culturas, mesmo anteriores ao cristianismo. Na publicación atópase información sobre as diferentes tipoloxías de exvotos que hai en Galicia, cunha especial atención aos que toman a forma de pinturas, e tamén presta atención á relixiosidade popular a través de diferentes santuarios situados nas catro provincias galegas.

José Fuentes Alende

José Fuentes Alende  (Xinzo-Cuntis, Pontevedra, 1950) é mestre de Primeiro Ensino pola Escola de Maxisterio de Santiago de Compostela e licenciado en Xeografía e Historia na Universidade desa cidade. En 1969 ingresou como bolseiro no Museo de Pontevedra. Nesta institución desempeñou diversas funcións, como subalterno, administrativo e, mediante oposición, secretario desde 1991 ata a súa xubilación.

En numerosas ocasións representou ao Museo de Pontevedra nas reunións das institucións ás que pertencía, especialmente no Consello Galego de Museos e no Museo do Pobo Galego. Foi membro da Comisión de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega e participou en congresos e simposios sobre temas de museoloxía, de etnografía e de folclore, en especial de relixiosidade popular.

Publicou numerosos artigos en revistas especializadas e actas de congresos e é autor de relatos en lingua galega, varios deles premiados en diferentes certames. En 2008 publicou o conxunto de contos infantís ‘Xanciño de Zoxín, o can Canito e o coello Coli’. En 2017 recibiu o I Premio de Investigación “Olimpio Arca”, convocado polo Concello de Cuntis, co seu traballo ‘Os exvotos na relixiosidade popular galega. A súa dimensión patrimonial’.

Galerias de imaxes