A Deputación mobiliza 11,1 millóns para seguir garantindo servizos no eido da cooperación cos concellos, infraestruturas e deportes
Carmela Silva: “Estes recursos provinciais permiten que os concellos poidan prestar servizos que son imprescindibles e financian actuacións que están a facilitar a gran transformación que está a experimentar esta provincia”
03/03/2023
A Deputación de Pontevedra vén de mobilizar 11,1 millóns de euros en novos recursos para seguir garantindo dereitos e servizos “na gran transformación” da provincia e que beneficiarán a 29 concellos. Deste xeito, a Xunta de Goberno deu luz verde a investimentos en materia de Cooperación, con 4,2 millóns aprobados para 19 achegas do Plan Concellos e 2,7 millóns para que os municipios máis afectados poidan facer fronte aos danos polas inundacións, así como en Infraestruturas, con 2,7 millóns para melloras en catro estradas provinciais, en sostibilidade, coa aprobación de actuacións de iluminación sostible para 9 concellos, e en materia deportiva, con achegas para o deporte náutico.
No que atinxe ao Plan Concellos, que como subliñou hoxe a presidenta Carmela Silva, “facilita que os municipios poidan prestar servizos que son imprescindibles”, a Xunta de Goberno aprobou 12 achegas da Liña 1 de Investimentos e nelas a de maior contía, dun millón de euros, é para Lalín, que a destinará a actuacións de mellora de camiños rurais. Amais, Baiona contará con 306.619€ para o proxecto de acondicionamento da rúa Pontenova e Cruceiro e Portas con 277.647€ para investir no campo de fútbol de Romai. Por outra banda, Barro recibirá 174.965€ para a urbanización de accesos a Valbón (Agudelo); Covelo, 114.421€ para a pavimentación de camiños municipais en Santa Marina, Piñeiro, Godóns e Barciademera; Cangas terá unha achega de 280.526€, para o proxecto de reforma e acondicionamento da piscina municipal e Crecente 147.914€ para o ensanche e mellora de vías en Capela (Sendelle), rúa Castelo (Crecente), Reinaldos (Ameixeira), Carreira e Novás de Arriba (Albeos), Cancelo, Fonte e Coedros (Quintela) e Mandelos (Vilar).
As outras achegas aprobadas son para Cuntis, que recibirá 241.989€ para a mellora da capa de rodaxe da estrada de Guldrigáns, acceso a Mesego e núcleo de Piso; Gondomar, con 156.436€ para a primeira fase da pavimentación e canalización de pluviais nas Rasas; Pontecesures, que contará con 82.019€ para o acondicionamento e melloras en diversas vías, camiños e lugares; Sanxenxo, que contará con 71.944€ para a pavimentación do camiño da Fontiña-Bordóns e Tui, con 465.075€ para a humanización da travesía Santo Domingo.
Amais, no marco da Liña 2 de amortización de débedas, gastos e actividades socioculturais, aprobáronse 6 achegas. Cambados recibirá 88.954€ para a amortización de débedas; A Estrada, a cantidade de 134.384€ para o financiamento de actividades socioculturais; Moaña, 95.049€ para afrontar gastos do servizo de limpeza viaria; Nigrán, 95.743€ para sufragar actividades culturais, sociais e deportivas; Salceda de Caselas, 67.176€ para unha memoria de actividades e servizos e Vilanova, 72.491€ para a amortización de débedas. Por último, na Liña 3 de Emprego, aprobouse unha achega de 211.266€ para Cambados, coa que poderá contratar a 20 persoas (8 operarios/as de servizos múltiples; 1 peón/a laceiro/a; 2 peóns/as limpadores/as; 1 técnico/a medio ambiente e xestión de residuos; 3 administrativos/as; 2 monitores/as de cultura e turismo; 1 técnico/a de organización; 1 licenciado/a ou graduado/a en Historia e/ou Historia da Arte e 1 traballador/a social).
Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde ás bases do plan extraordinario por 2,7 millóns para facer fronte aos danos polas inundacións de decembro de 2022 e xaneiro de 2023 nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia Trátase dunha das actuacións contempladas no Pon2030 para dar resposta ás necesidades dos municipios e, como destacou a presidenta provincial, estes investimentos poderán destinalos á reparación e reconstrución de bens e espazos públicos; retirada de materiais, limpeza e reacondicionamento de bens e espazos públicos; para construción de muros de contención, terrapléns e pedrapléns e actuacións de aseguramento de espazos e bens, así como para reposición de elementos e mobiliario danados e outras actuacións de reparación, recuperación, reposición, acondicionamento ou rehabilitación. “A Deputación non só estivo nos concellos afectados, senón que sen ter competencias, aproba estes investimentos”, advertiu Carmela Silva. A distribución dos recursos aos concellos será variable, segundo o índice pluviométrico rexistrado o 1 de xaneiro de 2023, e poderán optar aqueles concellos onde as choivas superaron nesa data os 50 litros por metro cadrado.
No que se refire ás actuacións de iluminación sostible, a Deputación vén de aprobar os proxectos de obra para a renovación de instalacións de iluminación exterior sostible en oito concellos da provincia: Arbo, Pazos de Borbén, O Porriño, Tomiño, Tui, Meaño, Meis e Vilanova de Arousa. Carmela Silva insistiu en que “se están a recibir moitísimos fondos europeos, están chegando a Galicia e o mundo local estaos a xestionar moito mellor que a Xunta, está sendo capaz de ter moitos máis recursos para avanzar máis rápido”. A presidenta tamén quixo destacar que “a Deputación está a presentar proxectos para todos os concellos, goberne quen goberne”. Neste caso, trátase de actuacións financiadas ao 80% con fondos europeos do IDAE a través do programa operativo FEDER e contémplase dous proxectos: O primeiro chegará a Arbo, Pazos de Borbén, O Porriño, Tomiño e Tui e cun orzamento de 739.417€ substituirá 1.507 luminarias correspondentes a 42 cadros de mando, dos que se reforman 34, e permitirá conseguir un aforro do 57,4%. O segundo proxecto beneficiará a Meaño, Meis e Vilanova de Arousa e, cun orzamento de 343.569€ suporá a substitución de 232 puntos de luz por outros de tecnoloxía led de última xeración e elevada eficiencia, actuando sobre 15 cadros de mando. O aforro enerxético previsto é do 53%.
E no eido das Infraestruturas provinciais, mobilízanse 2,7 millóns en catro actuacións “moi potentes e que son exemplo da gran transformación en mobilidade pola que aposta a Deputación”. A presidenta provincial subliñou que se trata de “cambios transcendentais; non de poñer chapapote ou de pintar unhas avenidas ou viarios.Son cambios radicais que transforman a realidade urbana, que a fan digna, sostible, amable pensada para a xente”. Neste eido, a Xunta de Goberno aprobou os expedientes para sacar a licitación a recuperación do entorno da antiga ponte das Achas, no concello da Cañiza, que terá un investimento total de 411.016€; a actuación de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP0104 Ramal-Igrexa de Figueirido (Vilaboa), con 502.647€; e a de mellora da seguridade viaria na EP8004 Caldas-Vilanoviña, que transcorre por Caldas, Portas, Vilanova e Meis, que cun investimento dun millón de euros permitirá renovar a pavimentación desta estrada. Así mesmo aprobouse o convenio de colaboración a asinar con Silleda para executar o proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP7201 Cachafeiro-Silleda, cun orzamento de preto de 800.000€.
No ámbito dos Deportes, a Xunta de Goberno aprobou as bases das axudas dirixidas a clubs náuticos que participan en competicións oficiais neste ano 2023, ás que destina un orzamento de medio millón de euros, repartido en 280.000€ para piragüismo; 145.000 para remo e 75.000€ para vela.