Domínguez impulsa a renovación do Museo de Pontevedra co nomeamento de Ángeles Tilve Jar como directora

A ata o de agora conservadora de fondos xerais do Museo de Pontevedra e responsable da súa Área de Coleccións convértese na primeira muller en tomar as rendas dunha das institucións culturais máis recoñecidas de Galicia

20/09/2023

Ángeles Tilve Jar nova directora do Museo

Co obxectivo de renovar o Museo de Pontevedra e impulsar a súa innovación, adaptación e modernización, a Deputación de Pontevedra acaba de nomear a Ángeles Tilve Jar como nova directora da entidade. A ata o de agora conservadora de fondos xerais do Museo de Pontevedra e responsable da súa Área de Coleccións converterase na primeira muller en tomar as rendas dunha das institucións culturais máis recoñecidas de Galicia.

“Quero felicitar a Ángeles Tilve por ser a primeira muller directora do Museo de Pontevedra” asegurou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, quen tamén tivo palabras para “agradecerlle ao director saínte o seu traballo e profesionalidade” e recordarlle que “xa forma parte da historia do Museo de Pontevedra e ten as portas abertas para seguir colaborando nun futuro e no que precise”. Domínguez destacou que a nova directora da entidade “é unha profesional ‘da casa’, que coñece o Museo de Pontevedra desde hai máis de 35 anos e vai ser quen de darlle un novo rumbo. É o noso obxectivo converter Pontevedra nun referente cultural internacional, na cidade da cultura, e estou convencido de que, con esta directora, ímolo conseguir”.

Da man de Ángeles Tilve a institución provincial pretende adaptar a xestión e dirección do museo aos desafíos e oportunidades que se presentan no ámbito cultural e museístico, incluídas a dixitalización e a incorporación das novas tecnoloxías. O seu nomeamento como directora do Museo de Pontevedra redundará no beneficio do museo e de toda a comunidade cultural, e representa, ademais dun paso significativo cara á modernización da institución, o compromiso do Goberno provincial coa cultura local e co enriquecemento da oferta cultural da provincia.

A nova dirección do Museo de Pontevedra liderada por Ángeles Tilve centrarase en impulsar as coleccións propias do museo e en promover a creación de experiencias enriquecedoras para as e os visitantes, así como en explorar novas estratexias para o acceso ás coleccións e en fomentar a participación do público, aproveitando as ferramentas dixitais e as tendencias contemporáneas. Tilve promoverá a colaboración con outras institucións culturais, tanto a nivel local coma nacional, para fortalecer as sinerxías e enriquecer a oferta cultural da provincia, a través de alianzas estratéxicas que contribúan a promover e difundir o Museo de Pontevedra cun modelo de xestión baseado na transparencia e rendición de contas. Deste xeito, entre os seus eixes de traballo atópanse o impulso da divulgación de información sobre as actividades do museo, os seus proxectos e obxectivos; o fomento da participación activa de asociacións culturais e da sociedade en xeral na toma de decisións relacionadas co museo; e a creación de espazos de diálogo e colaboración para que a comunidade poida contribuír coas súas ideas e propostas. Ademais, explorará vías para que o Museo de Pontevedra se converta nun espazo accesible, no que diferentes colectivos poidan levar a cabo actividades e proxectos que enriquezan a oferta cultural e promovan o intercambio de coñecementos.

Ángeles Tilve Jar

É licenciada en Xeografía e Historia, sección de historia da arte e especialista en arte moderna e contemporánea, pola Universidade de Santiago. A súa tese de licenciatura ten como título Achega ao estudo histórico-artístico do Arciprestado de Arousa (séculos XVI-XX). Conta cunha longa traxectoria como investigadora, publicou artigos en libros, catálogos e publicacións periódicas, e tamén impartiu conferencias en congresos, xornadas, cursos e seminarios. Aínda que os seus textos e intervencións cobren un amplo abano de temas, Tilve é recoñecida polos seus coñecementos sobre pintura galega e española dos séculos XIX e XX.

Ao longo da súa traxectoria profesional ocupou diversos cargos de relevancia en institucións culturais, o que lle brinda unha perspectiva integral da xestión cultural e museística. Ata o de agora era conservadora de fondos xerais do Museo de Pontevedra e exercía como responsable da súa Área de Coleccións. Nesta institución traballou nos últimos 36 anos, desde que entrou como bolseira en 1987, e foi comisaria de varias exposicións, a última “Castelao en Europa. A viaxe de 1921”. Tamén realizou labores de documentación, coordinación, secretaría e asistencia técnica en máis de medio cento de exposicións temporais, e encargouse da coordinación de diversas publicacións.

Ángeles Tilve é unha muller comprometida profundamente coa cultura local, o que a converte nunha directora que comprende as necesidades e desafíos específicos do Museo de Pontevedra. O seu coñecemento da contorna e a súa interacción coa comunidade local son activos importantes para promovelo e integralo na vida cultural da provincia.

Galerias de imaxes

audios