O Urco volve ás rúas da cidade cun obradoiro de arte urbana para mocidade organizado polo Museo de Pontevedra co gallo do entroido
O Edificio Castelao acollerá o xoves ás 19 h a presentación do libro ‘Museo Provincial de Lugo. Orixe e consolidación (1932-1982)’
07/02/2023
O Museo de Pontevedra organiza un obradoiro de arte urbana que abre as portas do entroido: mozos e mozas a partir de 9 anos experimentarán coa técnica do paste up durante tres sábados, os días 11, 18 e 25 de febreiro de 11 a 13:30 horas. O obradoiro conta con 12 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición escribindo a reservas.museo@depo.gal a partir do mércores 8 de febreiro ás 8 da mañá.
O obradoiro céntrase na figura do Urco, personaxe do entroido pontevedrés que un grupo de intelectuais da cidade reinventou en 1876. Dese ano data a publicación ‘Reinado y muerte del Urco’, que recompila textos en prosa e en verso do entroido dese ano con este personaxe como protagonista.
Este documento será o punto de partida deste taller singular impartido polo ‘Comité Secreto de Muros y Vallas’. O obxectivo é traer o Urco ao día de hoxe achegándoo á xente máis nova. O obradoiro desenvolverase no Edificio Castelao, con incursións a outros lugares da cidade.
A técnica que coñecerán e coa que traballarán os mozos e mozas participantes é a do paste up. Esta técnica da arte urbana consiste en debuxar sobre papel de gran tamaño con rotuladores acrílicos, recortar as ilustracións elaboradas e pegalas. O obradoiro vén precedido de anuncios da chegada do Urco que estes días se poden ver nalgúns puntos da cidade e na conta de Twitter https://twitter.com/RogelioLois.
Presentación de libro
Por outra parte, este xoves 9 ás 19 h o Museo acollerá a presentación do libro Museo Provincial de Lugo. Orixe e consolidación (1932-1982). Participará a autora, Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo. Será presentada polo director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey.
O libro relata os antecedentes, a orixe e os primeiros 50 anos de existencia do museo lugués. A autora revisa os principais episodios da historia desta institución, as coleccións que se foron incorporando ao longo do tempo, os principais personaxes ligados ao museo ou as súas publicacións, entre outros aspectos.