A fotografía de Xulio Gil volve ao Museo 35 anos despois con once propostas conceptuais que invitan á reflexión

‘Símbolos do conflito’ reúne os proxectos de Xulio Gil desde o ano 2000

02/02/2023

Exposición de Xulio Gil

En 1988, Xulio Gil converteuse no primeiro fotógrafo contemporáneo en contar cunha exposición individual no Museo de Pontevedra. 35 anos despois, regresa cunha nova mostra moi diferente: ‘Símbolos do conflito. Fotografías de Xulio Gil’ reúne os traballos conceptuais que o fotógrafo vigués realizou desde o ano 2000. Inaugúrase hoxe e pode visitarse ata o 27 de marzo no Edificio Castelao.

En palabras do propio artista,  “esta exposición é como un libro de once poemas. Reúne as propostas conceptuais nas que me metín desde o 2000 ao 2022; aquí non hai retratos, son conceptos que se desenvolven en series curtas”. Xulio Gil proponlle ao público visitante “unha reflexión sobre pequenas ou grandes liñas de afección que temos neste momento”.

A mostra, comisariada polo fotógrafo e profesor Xosé Lois Gutiérrez Faílde, organízase en once series desenvolvidas do ano 2000 en diante: ‘Fénix’ (2000), ‘Retablos esenciais’ (2007-2015), ‘Trompos’ (2008),  ‘Matrilineal’ (2009), ‘Capela dos arcos’ (2010), ‘Capela dos homes’ (2010),  ‘Cepas vellas’ (2016), ‘Cúpulas’ (2017), ‘Moradas’ (2018), ‘Penumbra da sal’ (2019) e ‘Gastro centro/Gastrofuturo’ (2020-21).

José Manuel Rey, director do Museo, destaca que “nesta mostra achegámonos ao extraordinario dominio da cor e da composición arquitectónica de Xulio Gil. Aquí atopamos aproximacións á esencia de Galicia a través de alimentos como o trigo, a castaña, a pataca, a uva ou o pan e das formas do noso patrimonio, sexa cultural ou natural”. Rey engade que “nas súas instantáneas establécense diálogos entre o retrato e a natureza, entre alimentos e monumentos, entre os bodegóns e a xeometría”.

O director do Museo describe a mostra como un conxunto ecléctico pero á vez coherente. “A través das súas imaxes temos a sensación de que extrae do físico, do palpable, do esencial, unha sorte de transcendencia. Diante das fotografías aquí reunidas temos a posibilidade de gozar en diferentes planos: no dos sentidos, atrapados pola beleza das imaxes; e no intelectual, estimulados pola profundidade dos conceptos que pon en xogo”.

Xulio Gil destaca esa diversidade de propostas presentes na mostra, que lle fai pensar que calquera persoa vai atopar “algunha serie que lle faga pensar e gozar”. Ademais de incitar á reflexión, a exposición “ten unha parte lúdica, como a serie ‘Gastro’, que é un xogo coa comida e cos alimentos adscribíndoos a un territorio e desposuíndoos da sofisticación da nova cociña. Engade que “hai tamén un retorno á sacralización dos petróglifos en dúas ‘Capelas’, sen esquecer unha serie erótica como ‘Trompos’, no sentido de que ten que ver co galanteo”.

Traxectoria ligada ao Museo de Pontevedra

Xulio Gil naceu en Ourense en 1954 e reside en Vigo. Matemático de profesión, desenvolveu desde mediados da década de 1970 unha intensa carreira como fotógrafo, participando activamente nas transformacións da fotografía galega contemporánea. O punto de partida da súa aposta por igualar a fotografía a outras artes sitúase 1976, cando expón na praza da Princesa de Vigo as súas primeiras fotografías cunha proposta netamente conceptual.

Nos 80 foi o primeiro fotógrafo que se fixo co Premio Novos Valores da Deputación cunha instantánea. E en 1988 converteuse no primeiro fotógrafo contemporáneo en contar cunha exposición individual temporal nas salas do Museo, cos retratos de ‘Antropolóxicas’. Ao longo da súa traxectoria publicou obras de autor con Xosé Luis Méndez Ferrín, Carlos Casares e Xela Arias, libros de cidades para Engaiolarte e  libros de arte para Hércules Edicións e Nova Galicia Edicións coa colección Artistas Galegos, dirixida por Antón Pulido.

En 2013 recibiu o Premio da Crítica de Galicia das Artes Plásticas 2013, que entendeu como un recoñecemento a toda a fotografía. Desde os primeiros anos do século XXI, Xulio Gil foi superando e refinando as súas liñas de traballo e investigación estética anteriores. Introduciu de maneira sistemática a fotografía en cor, organizou a produción a partir de series fotográficas e afondou en pescudas estéticas que van da reflexión desde o imaxinario vernáculo ao establecemento dunha narrativa máis centrada na conceptualización que na indagación formal. Esta é a obra que se reúne na presente exposición, xunto con traballos editoriais e publicacións que foron realizadas ou que contaron coa participación do artista neste período.

Catálogo da exposición

Con motivo da exposición, o Museo de Pontevedra editará unha publicación monográfica con todas as fotografías incluídas na mostra e textos que as contextualizan.

Trátase dunha edición bilingüe, en galego e en castelán, coordinada polo comisario Xosé Lois Gutiérrez Failde e con textos do propio comisario e de Xan Carballa, Domingo Docampo, Antón Abel Roríguez e María Isabel Santos Dávila. Inclúe tamén unha conversa entre Gutiérrez Faílde e Xulio Gil.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.