O Museo celebra este venres o Día da Música coa riqueza sonora de Samudra Trío e a pintura en directo de Alba Troiteiro

O grupo de cámara presenta o seu primeiro disco: ‘Odisea’

15/11/2022

MUSEO DÍA MÚSICA CONCERTO

Este venres 18 de novembro ás 19.00 horas no Edificio Castelao, o Museo de Pontevedra celebra o Día da Música co concerto de presentación de ‘Odisea’, o primeiro traballo discográfico Samudra Trío. Será un concerto moi especial no que o trío de música de cámara estará acompañado da pintura en directo da artista visual Alba Troiteiro.

Laura, Jimena e Yamini forman Samudra Trío, unha formación de música de cámara que quere amosar a diversidade na música clásica. No seu repertorio parten da sonoridade fóra de Occidente pasando polas influencias da música tradicional e popular a partir das correntes nacionalistas do século XX. Os tres timbres de vento, corda e teclado que compoñen a agrupación (frauta, cello e piano), abren a súa gama sonora conseguindo un resultado moi especial e característico.

‘Odisea’ é o seu primeiro disco. Nas súas pezas xogan coas confluencias de tradición e academia interpretando obras que exploran as posibilidades tímbricas dos tres instrumentos. No seu repertorio están presentes compositores que se inspiran na música tradicional do seu país como o galego Rogelio Groba, Paquito D’Rivera e Béla Bartók, outros que beben da súa formación na música clásica occidental como Joaquín Turina, Nikolái Kapustin e Samuel Coleridge-Taylor, e os que crean novas correntes desde a música clásica das súas culturas como é o caso de Ravi Shankar.

No concerto deste venres contarán coa acción en directo da artista visual Alba Troiteiro, que pintará un mural duns seis metros cadrados, fusionándose en perfecta harmonía coa interpretación musical.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.