Germán Labrador analizará o legado do colonialismo nos museos galegos nunha conferencia no convento de Santa Clara

O director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía pronunciará este xoves ás 20h a conferencia ‘Galicia e os fantasmas coloniais. Unha conversa pendente sobre museos, memoria e democracia’

08/05/2023

Luis Seoane. Collage incluído en Galicia Hoy. París: Editions Ruedo Ibérico, 1966. Cortesía da Fundación Luis Seoane

Luis Seoane. Collage incluído en Galicia Hoy. París: Editions Ruedo Ibérico, 1966. Cortesía da Fundación Luis Seoane

O Museo de Pontevedra organiza este xoves 11 de maio ás 20 h na igrexa do convento de Santa Clara a conferencia de Germán Labrador Méndez ‘Galicia e os fantasmas coloniais. Unha conversa pendente sobre museos, memoria e democracia’. O catedrático do Departamento de Español e Portugués da Universidade de Princeton en excedencia e actual director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía, analizará desde a óptica galega a descolonización dos museos, un dos grandes temas de debate neste ámbito a nivel internacional.

Nos últimos anos están a emerxer na esfera pública múltiples demandas a propósito dos pasados coloniais e das súas herdanzas contemporáneas en clave de desigualdade, violencia e racismo. Toman, en cada lugar, formas e intensidades diferentes, pois tamén refiren experiencias diversas. A recente emerxencia de novos movementos antirracistas e migrantes tivo o seu impacto tamén no contexto español, traendo ás nosas coordenadas reclamacións xa habituais en Francia, Inglaterra, Alemaña ou os Estados Unidos.

Na súa conferencia, Germán Labrador defenderá que os museos son un lugar fundamental para afrontar esta cuestión pendente, pero que no contexto galego é necesario ter en conta a particular relación  co universo atlántico e coas repúblicas latinoamericanas, a partir da migración. Labrador considera que tamén hai que ter en conta os evidentes elementos endocoloniais que explican tamén a propia configuración cultural galega, tal e como se espella na arte e no patrimonio.

As investigacións de Germán Labrador no ámbito da historia cultural céntranse no estudo dos mundos ibéricos na época contemporánea, a partir das relacións entre estética e política, cidadanía e memoria. É o autor, entre outros libros, de Letras arrebatadas. Poesía y química en la transición española (Devenir, 2009) e Culpables por la Literatura. Imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1986) (Akal, 2017). Foi un dos comisarios da exposición Poéticas de la democracia. Imágenes y contra-imágenes de la transición española (MRS 2018-2020) e colaborou como asesor na nova presentación da Colección do Museo Reina Sofía. Ten publicado máis dun centenar de edicións, artigos de investigación, capítulos de libros e outros textos académicos. Acaba de comisariar as exposicións Sempre máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galicia do Prestige, co colectivo Unha Gran Burla Negra, e El Tragaluz democrático. Poéticas de vida y muerte en el Estado español (1868-1976) (Arquerías de Nuevos Ministerios, 2023). Na actualidade dirixe a primeira edición de Tejidos Conjuntivos. Título propio del MRS en Estudios Culturales, Museología Crítica y Práctica Artística de Investigación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.