As Ruínas de San Domingos acollen un novo ciclo das Noites de Música Antiga organizadas polo Museo
Os conxuntos ‘La Liaison’ e ‘Musicantes’ serán os protagonistas dos concertos do 8 e do 15 de xullo ás 21 horas
28/06/2022
As Ruínas de San Domingos acollerán este mes unha nova edición do xa tradicional ciclo ‘Noites de Música Antiga’ organizado polo Museo de Pontevedra dende 2009. Os venres 8 e 15 de xullo ás nove da noite a música volverá soar entre as bóvedas, as arquerías e os muros da construción máis antiga da institución a cargo dos grupos ‘La Liason’ e ‘Musicantes’, que ofrecerán sendos programas con pezas moi variadas.
O grupo ‘La Liaison’, integrado por Sergio Heredia Cegarra (violín barroco), Arquímedes Artal Moreno (viola de gamba) e Marta López Fernández (clave), pretende transmitir ás persoas asistentes as sutilezas propias do son rico e complexo dos seus instrumentos e da música composta para eles, sendo moi “amada” na corte francesa do rei Luís XV.
As creacións que interpretarán buscan combinar os matices máis delicados e as articulacións máis refinadas cunha gran flexibilidade dinámica e unha gran potencia expresiva e recrean o que puido ser a atmosfera sonora da música de cámara no Barroco, “tan afastada das masas orquestrais e os limiares de ruído do mundo actual”.
O grupo, que estará en Pontevedra o día 8 ás 21h, especializouse nas mellores escolas europeas coas e cos intérpretes de máis fama dos seus respectivos instrumentos e teñen xa unha recoñecida traxectoria con diversas formacións dedicadas á música antiga.
Pola súa banda, a formación ‘Musicantes’ –que actuarán nas Ruínas o venres 15 de xullo tamén ás 21 horas- xorde por inquietude das e dos seus membros, buscando profundar no estudo e interpretación da música medieval. Os instrumentos utilizados (cítola, laúde medieval, guiterna, laúde árabe, rabel, salterio, chicotén, viola de roda ou zanfona, percusión, frautas, gaitas, chirimía, viola e fídula), son reproducións de instrumentos da época, inspirados na iconografía existente no estado.
As e os seus compoñentes contan cunha profunda experiencia no campo da música antiga, colaborando con agrupacións como o Grupo Nuba, Eduardo Paniagua, Kaléndula, Colegium Vocale de Madrid, Judit Cohen, Angel Carril, Eliseo Parra, Klezmer Sefardí, etc. O seu repertorio abarca desde o século XIII ao XV (música monódica da Idade Media, polifonía do Ars Nova e comezo do Renacemento) e está formado por Cantigas de Santa María, Llibre Vermell de Monserrat, Danzas francesas, inglesas e italianas, estampidas, saltarellos, queixumes, música sefardí e andalusí.
Ambos dous concertos serán de entrada libre ata completar cabida.