A Deputación supervisa os traballos que está a desenvolver para a conservación e mellora do firme na EP-9701 Baión-András en Vilanova de Arousa
Os deputados provinciais Isabel Couselo e Javier Tourís visitaron xunto co alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, os traballos incluídos no acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial, cun custo estimado de 160.000 €
04/11/2024
A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, e o deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Javier Tourís, xunto co alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, supervisaron este luns en Vilanova de Arousa as obras que a institución provincial está a acometer na EP-9701 Baión-András incluídas no lote 3 do acordo marco de obras de conservación de firmes na rede viaria da institución provincial.
Os traballos nesta infraestrutura de titularidade provincial consisten na reposición da capa de rodadura ao longo de 500 metros (entre os PK 2+500 e 3+000) e uns 5.000 m2. Os traballos teñen un custe estimado de 160.000 euros e, como todos os derivados do acordo marco, consisten en operacións ordinarias e localizadas de conservación que permiten corrixir o estado do pavimento das estradas provinciais con degradacións, tales como pavimentos escorregadizos, deformados ou con fisuras.
Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de conservación de firmes nas estradas provinciais que transcorren polo concello de Vilanova de Arousa. Deste xeito, tamén se acometeron obras na EP-9703 Vilanova de Arousa-Ponte Arnelas e na EP-9005 Corbillón-Tremoedo, que en total, xunto coa da EP-9701 Baión-András, supoñen unha inversión de 270.000 euros da Deputación en Vilanova. O acordo marco está dotado de 4,4 millóns de euros para toda a provincia e o lote 3, no que está incluído Vilanova (ademais de Barro, Poio, Caldas de Reis, Portas, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Illa de Arousa), de preto de 640.000 euros.