A Deputación avanza que financiará unha actuación de mellora de camiños municipais en Agolada
O deputado provincial Javier Tourís visitou a pista de Buxán, incluída no proxecto no que o organismo investirá 277.000 € do Plan +Provincia que serán aprobados na Xunta de Goberno deste venres
10/04/2025
O deputado provincial Javier Tourís visitou a pista de Buxán, en Agolada, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente unha actuación de mellora de camiños municipais, cun orzamento de 277.000 euros. Tourís avanzou que para esta actuación a Deputación de Pontevedra aprobará este venres na súa Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia que permitirá financiar integramente a actuación.
Tourís deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que se localizan tanto na pista de Buxán como noutras outras seis localizadas nos núcleos de Berredo, Cabanelas, Carmoega, San Paio, San Miguel e Trabancas. As obras permitirán mellorar estas infraestruturas viarias da contorna rural da vila, mellorando o estado deficiente no que se atopan na actualidade por mor do paso do tempo, as inclemencias meteorolóxicas e tamén pola circulación de vehículos agrarios. En xeral, os traballos contemplan a preparación e limpeza de cunetas, fresado e a execución do novo firme e da nova sinalización horizontal. Tamén haberá ampliación de carrís en Berredo, Buxán e Carmoega, actuacións no saneamento en Carmoega, a substitución da varanda metálica no camiño de San Paio e a execución dun pozo de rexistro e tubaxe para o abastecemento de auga na pista de Trabancas.
"Somos un goberno municipalista", lembrou o deputado provincial, "que escoita as demandas dos gobernos locais e atende as necesidades dos concellos" con iniciativas como o Plan +Provincia, "o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, dotado este ano de 48,2 millóns de euros". Javier Tourís asegurou que "o noso obxectivo principal é que a provincia de Pontevedra vaia a máis, avanzando como nunca antes", con plans provinciais cos que "estamos a conseguir que os concellos poidan afrontan investimentos e actuacións que doutro xeito serían imposibles de realizar".