Luis López adianta ao alcalde de Ribadumia, David Castro, un investimento de case 400.000 euros para a mellora de camiños municipais ao abeiro do plan +Provincia

O presidente provincial mantivo un encontro institucional co rexedor para avanzarlle a aprobación de tres proxectos de mobilidade na Xunta de Goberno do vindeiro luns e repasar os investimentos previstos no Concello pola Deputación, que ascenden a 1,3M€

14/04/2025

Luis López e o alcalde de Ribadumia, David Castro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adianta ao alcalde de Ribadumia, David Castro, a aprobación na vindeira Xunta de Goberno da aprobación de tres proxectos ao abeiro do Plan +Provincia valorados en case 400.000 euros. Fíxoo este luns nun encontro de traballo no Pazo provincial, onde abordaron asuntos de interese mutuo para ambas as institución e repasaron os proxectos e plan en marcha e previstos por parte da Deputación neste concello. "Unha nova mostra do apoio que a Deputación presta aos concellos para mellorar as súas infraestruturas", referiuse o presidente aos asuntos tratados durante a reunión.

Na Xunta de Goberno da Deputación, prevista para o vindeiro luns, aprobaranse tres proxectos relacionados coa mellora dos servizos en distintos camiños do Concello ao abeiro do plan +Provincia. O primeiro deles está relacionado coa mellora do camiño municipal e redes de pluviais e saneamento no núcleo de Barroso, na parroquia de Sisán, unha actuación valorada en 124.480 euros. A segunda céntrase na ampliación e mellora da servizos no Lugar da Cruz, na parroquia de Lois, por un importe de 119.750 euros. Mentres que a terceira baséase na mellora de camiños municipais na parroquia de Lois por valor de 143.400 euros. Tres actuacións chamadas a mellorar a mobilidade e os servizos en distintos puntos do Concello de Ribadumia para as que a Deputación achega un total de 387.600 euros.

A reunión enmárcase nunha serie de contactos recorrentes que o presidente da Deputación mantén cos alcaldes dos 61 concellos da provincia. Neste caso, recalcou Luis López a importancia da "cooperación" entre as distintas administracións para mellorar a calidade de vida da veciñanza. "O municipalismo, a asistencia aos concellos e proporcionar á veciñanza os mellores servizos vivan onde vivan é a liña de traballo que define ao goberno provincial", afirmou o dirixente, quen reiterou ao alcalde o compromiso da Deputación para manter unha liña de comunicación e colaboración fluída para seguir impulsando proxectos beneficiosos para o conxunto da veciñanza de Ribadumia e de toda a provincia.

Un encontro de traballo no que o mandatario provincial detallou ao rexedor os plans de investimento da Deputación neste Concello do Salnés para o ano 2025 a través dos distintos plans de Cooperación que ascenden a un total de 1,3 millóns de euros. Así, a través do plan +Provincia ao Concello de Ribadumia lle corresponde un total de 534.684 euros; do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 107.656 euros; e do Plan Extra, 700.000 euros.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.