A Deputación avanza nos novos proxectos de mellora da eficiencia enerxética para 23 concellos

Un investimento de 4 millóns de euros, dos que o 80% corresponden a achegas do IDAE, permitirá substituír 8.512 luminarias para acadar un aforro enerxético do 70%

12/08/2022

Rolda de prensa proxectos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde aos expedientes para contratar a execución dos proxectos de mellora e eficiencia enerxética en 23 concellos da provincia. A presidenta, Carmela Silva, anunciou que con este acordo libérase un investimento total que suma 4 millóns de euros, nun 80% financiado a través das achegas do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Con estes proxectos os concellos de Agolada, Baiona, Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Crecente, Forcarei, O Grove, A Guarda, Marín, Meaño, Meis, Mondariz Balneario, Mondariz, Moraña, Mos, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Valga, Vilanova e Vilagarcía poderán renovar o seu alumeado exterior substituíndo un total de 8.512 luminarias por outras tipo led máis eficientes, cun aforro enerxético medio estimado do 70%.

Con estes recursos aprobados na segunda convocatoria do Programa Operativo Sostible, na comarca do Deza realizaranse actuacións en Agolada (cun investimento de 186.477 euros), que poderá renovar 459 puntos de luz cun aforro do 33%. En Tabeirós-Terra de Montes, Forcarei ( recibe 177.054€) substituirá 346 luminarias para acadar un aforro dun 80%.

Na área de Vigo, Mos (88.469€ de achega) poderá renovar 166 luminarias cun aforro do 75%. No Val Miñor, o concello de Baiona (177.368 euros) farao en 468 puntos cun aforro do 75%, mentres que no Morrazo,  Bueu (156.003 euros de achega) cambiará 392 puntos para aforrar un 85% do gasto. No Baixo Miño, A Guarda (44.142€) substituirá 22 puntos, cos que conseguirá aforrar un 47% do custe.

Por outra banda, na comarca de Paradanta, o concello de Crecente (169.255€) renovará un total de 327 puntos para aforrar un 76%. No Condado investiranse 270.948€, dos que Mondariz Balneario (140.147€), poderá renovar 108 luminarias para conseguir un aforro na súa factura enerxética do 67% e Mondariz (130.801€) substituirá 254 puntos de luz, cun aforro previsto do 78%.

Na comarca de Pontevedra o investimento total acada os 724.121 euros. Deste xeito, o concello de Barro (178.794 euros) substituirá 402 luminarias cun aforro do 76%, Poio (176.386€), substituirá 447 luminarias para aforrar un 78% a súa factura enerxética; Ponte Caldelas (175.166€), cambiará 436 puntos de luz para acadar un aforro do 79% e Marín (194.775€), poderá renovar 341 luminarias e un aforro estimado do 54%.

Na comarca de Ulla-Umia subvencionarase un total de 748.531€ e beneficiaranse destes recursos Portas (266.949€), que poderá renovar 577 luminarias para aforrar un 76% a súa factura enerxética; Valga (143.803€), que cambiará 371 puntos para aforrar un 81%; Caldas (213.516 euros) verá renovado o seu alumeado exterior mediante a substitución de 62 luminarias, cun aforro estimado do 51% e Moraña (124.263€) renovará 234 luminarias, medida coa que aforrará un 77%.

Finalmente, na comarca do Arousa recaen 1.268.385€, dos que Cambados, con 235.120€, renovará 547 instalacións de iluminación exterior, cun aforro de 87%, mentres que O Grove (258.837€) cambiará 614 puntos para aforrar un 47% do gasto; Meaño (192.171€) poderá substituír 496 puntos e acadar un aforro do 64%; Meis (185.470€), cambiará 468 puntos para aforrar un 64%; Vilanova (197.402€) substituirá 469 luminarias cun aforro estimado do 69% e Vilagarcía de Arousa (199.385€), cambiará 506 luminarias para conseguir aforrar un 84%.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.