A Deputación visitou Barro para informar sobre proxectos de eficiencia e aforro enerxético
O deputado provincial Javier Tourís visitou o concello para dar a coñecer a Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, de asesoramento sobre iniciativas relacionadas coa eficiencia enerxética
20/03/2025
O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e Finca Areeiro da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, visitou o Concello de Barro onde se reuniu co seu alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, para divulgar a actividade que se está a desenvolver desde a Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, coa que a Deputación está a implicar os concellos nos retos da sostibilidade.
Javier Tourís recordou que a oficina +Renovables ten por obxectivo “informar, asesorar e acompañar proxectos relacionados coa eficiencia enerxética desde a súa creación ata a produción e o autoconsumo”. En concreto, proporciónase información sobre cuestións de índole legal, como a redacción de estatutos e normas, a cesión de cubertas ou a revisión de contratos de execución de obras; técnica, como o deseño de proxectos de xeración térmica ou eléctrica; e tamén económica, achegando información sobre créditos bancarios e outras fórmulas de financiamento.
+Renovables é unha iniciativa provincial que responde á aposta pola transición enerxética, a sostibilidade e a transformación do territorio. O programa está dotado de 750.000 euros (con 500.000 € de fondos europeos), que se mobilizan como resposta á crise enerxética e á necesidade de impulsar unha nova cultura na que a cidadanía teña unha participación efectiva no sistema enerxético e, ademais, repercuta nun aforro económico tanto para as familias como para as empresas. A Oficina de Transformación Comunitaria do programa +Renovables, situada no polígono de Barro, ten un orzamento de 370.000 euros e está financiada con fondos europeos NextGenerationEU para fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de proxectos de eficiencia enerxética en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, e especialmente os concellos de reto demográfico, a principal prioridade.