A Deputación pon a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a inversión histórica de 48,2 millóns de euros do Plan +Provincia 2025

Como novidade, os concellos poderán financiar investimentos de carácter plurianual, para seguir tendendo pontes de colaboración cos concellos e facilitar a execución de investimentos estratéxicos

02/01/2025

A Deputación de Pontevedra publicou este xoves no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) as bases do +Provincia 2025, o plan de obras e servizos de competencia municipal, dotado con 48,2 millóns de euros para os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia. Desde mañá, 3 de xaneiro, os concellos terán tres meses para presentar solicitudes.

O plan, elaborado conforme aos principios de reforzo da capacidade inversora, maior autonomía local e atención aos retos comúns de futuro, reparte o crédito de acordo con criterios obxectivos e, por segundo ano consecutivo, introduce o reto demográfico como parámetro para dito reparto, co obxectivo de minorar a fenda de poboación que afecta principalmente aos municipios rurais da provincia. Como novidade, o +Provincia admite este ano a posibilidade de financiar investimentos de carácter plurianual, co obxectivo do goberno provincial de seguir tendendo pontes de colaboración cos concellos para sustentar o labor municipal e facilitar ao tempo a execución de investimentos estratéxicos que lle brindan un servizo esencial á veciñanza.

Os 48,2 millóns de euros do Plan distribuiranse entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a través de catro liñas. A primeira delas, dotada con 33,74 millóns de euros vai destinada a investimentos; a segunda, con 4 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; a terceira, de 9,25 millóns, para a activación do emprego e a cuarta, que se estreou o pasado 2024, dotada con 1,2 millóns, para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade en zonas rurais e urbanas.

Para facilitar a xestión dos recursos, o Plan +Provincia permite flexibilizar o traspaso de crédito entre liñas, de tal forma que poderá traspasarse o 100% das liñas 2, 3 e 4 á liña 1; ata o 60% da liña 3 á liña 2; e entre o 30% e con carácter extraordinario ata o 50% da liña 1 á liña 2 de acordo cos requisitos establecidos nas bases publicadas este mércores no Boletín Oficial da Provincia, e nas que se poden consultar todos os detalles e criterios de repartición.